BNG advirte dunha posíbel absorción de NGB por Bankia

O candidato do BNG á presidencia da Xunta sospeita que a UE condicionará o uso de fondos europeus para recapitalizar as entidades a que se fusionen, o cal podería levar aparellada a absorción de Novagaliciabanco por Bankia
Novagalicia Banco
photo_camera Novagalicia Banco

 O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, criticou a Mariano Rajoy por se preocupar só de salvarse el politicamente sen importarlle “nada” as contrapartidas que exixa “Bruxelas-Berlín” polo resgate da banca.

“Rajoy está a negociar en Europa non para defender os intereses xerais, senón para defender os seus intereses particulares. O único que lle preocupa é salvarse politicamente el, custar o que custar ás cidadás e aos cidadáns do Estado español”, afirmou Jorquera durante o acto público que o BNG realizou en Ames dentro da súa campaña a prol da Banca Pública Galega.

Jorquera considera inconcebíbel que a “estas alturas” Rajoy aínda non teña comparecido de “urxencia” no Congreso dos Deputados para dar conta das súas xestións ante a Unión Europea”.

Depurar responsabilidades

O líder nacionalista chama tamén ao PP a que erga o seu veto contra a constitución da comisión de investigación proposta no Congreso para analisar o que ten acontecido non só en Bankia, senón no conxunto do sistema financeiro no Estado. “Non é posíbel que se inxecten 118.000 millóns de euros no sistema financeiro e que iso non teña servido de nada. Non é posíbel que despois de fundirse esa enorme cantidade de diñeiro público resulte que segundo algunhas fontes as necesidades de recapitalización do conxunto do sistema bancario se sitúen case no entorno dos 100.000 millóns de euros”, analisa Jorquera, para quen “é fundamental que se depuren as responsabilidades políticas ás que houber lugar”.

De por parte, o candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, advirte sobre a hipótese de que a UE condicione o uso de fondos europeus para recapitalizar as entidades financeiras españolas a unha nova rolda de fusións.

“Temos que saber se Europa vai impor a fusión Bankia-Novagaliciabanco, unha fusión polo demais apetecida polo PP de Génova desde o comezo da crise”, afirma Jorquera, quen se pergunta “que di a este respeito o presidente da Xunta”. “Seguramente nada, porque a súa pasividade está a ser absoluta”, conclúe.

Comentarios