PARLAMENTO

O BNG advirte que denunciará a reforma do contrato da autovía da Costa da Morte por "prevaricación"

A Xunta mudará o contrato inicial, o que podería supor unha vulneración da Lei xeral de contratos públicos.

O Parlamento de Galiza debateu esta terza feira a lei de acompañamento dos Orzamentos 2015, un proxecto lexislativo que visa introducir mudanzas en máis dunha ducia de leis actualmente en vigor pola vía de urxencia. 

As forzas da oposición, agás o Grupo Mixto, presentaron emendas á totalidade do texto deseñado pola Consellaría de Facenda ao considerar que este procedemento lexislativo, coñecido como "lei ómnibus", constitúe unha "degradación da democracia e deste Parlamento", afirmou o voceiro parlamentar do Bloque, Francisco Jorquera. Unha cualificación na que coicidiron as portavocías de AGE e PSdeG-PSOE amparándose mesmo na xurisprudencia do Tribunal Constitucional que sinala a tramitación "en bloque" de tantos textos lexislativos como unha "fraude democrática", acrecentou Yolanda Díaz. 

A oposición fala dunha "estafa" e dunha "fraude democrática" coa aprobación da lei de acompañamento dos Orzamentos 2015


Unha lei pola que se mudan máis dunha ducia de normas

O texto que acordou, finalmente, tomar en consideración a Cámara --cos únicos votos do Partido Popular-- incorpora modificacións legais en materia de comercio, urbanismo, minaría e turismo, entre outros asuntos. Un feito que para BNG, AGE e PSdeG "nos pretende colar" un "atropelo democrático". 

Neste senso, Díaz valeuse das declaracións pronunciadas polo propio voceiro parlamentar popular, Pedro Puy, para asegurar que se trata dunha "lei controvertida" que podería mesmo incorrer en "prevaricación", segundo denunciou Francisco Jorquera desde o Bloque Nacionalista Galego. Así, a organización frontista avanzou que levaría perante a Fiscalía unha das cuestións incluídas na lei de acompañamento pola que se modifica o contrato de adxudicación da obra de construción da autovía da Costa da Morte. 


27 quilómetros por 617 millóns de euros

O proxecto lexislativo presentado pola Xunta prevé --na disposición quinta-- a mudanza deste contrato para pasar da construción inicial de 60 quilómetros por 540 millóns de euros a adxudicar a contratación de 27 quilómetros por un custe de 617 millóns de euros. Segundo o voceiro nacionalista a Xunta estaría a beneficiar "pola porta de atrás" á empresa adxudicataria incumprindo a lexislación en vigor e podería rematar "imputado todo o goberno, xa teñen un precedente no Concello de Santiago".

A mudanza deste contrato pasará da construción de 60 km. por 540 euros a 27 km.por un custe de 617 millóns de euros

No concreto, o texto legal que se estaría a vulnerar sería a Lei xeral de contratos públicos, explicou o deputado do PSdeG-PSOE, Juan Carlos González Santín. Con esta medida o goberno galego pretende "regular por lei" a "resolución parcial dunha contratación pública. Que acontece coa lei de contratos?", preguntou, "a quen se quere beneficiar?". 

Para González Santín --que advertiu que o seu grupo demandará aos servizos xurídicos da Cámara que estuden a reforma-- "como mínimo incúmprese" a capacidade das demais empresas que se presentan ao concurso para recorreren o contrato. "É unha lei en fraude de lei", sentenciou. "A lei de contratos fixa que calquera mudanza debe vir fixada nos pregos" de condicións do contrato polo que a iniciativa presentada pola Xunta incumpriría a lexislación española, aprobada por "trasposición" da normativa comunitaria. 

“A obra redúcese nun 55% e o prezo multiplícase nun 235%”, alegou Jorquera

Aliás, explicou Jorquera, "unha autovía que ten un custo real de 200 millóns de euros vai supoñer para as arcas públicas máis do triplo”, cun prezo por quilómetro cadrado que pasou dos  9,7 aos 22,8 millóns de euros. “A obra redúcese nun 55% e o prezo multiplícase nun 235%”, alegou Jorquera. “Se isto non é prevaricación, paréceselle moito”, dixo, de aí a decisión de recorrer á Fiscalía.

Desde o Partido Popular defenden o procedemento legal e asegura que este feito "non é nada novo" ao se axustar, sinalou o deputado Hipólito Fariñas, a dereito. "É un instrumento lexislativo constitucional e democrático", defendeu perante as críticas das forzas da oposición. Segundo Fariñas "é unha lei necesaria" para "dar axilidade aos orzamentos". Porén, incorpora máis dunha ducia de reformas legais que van para alén das contas públicas. 

Comentarios