O BNG acusa o PP de Malpica de presentar a moción de censura para aproveitarse do traballo do Goberno

Para alcanzar a Alcaldía de Malpica o PP está disposto a apoiarse “incribelmente na persoa a quen máis criticou e mesmo atacou nestes anos de tripartito”, explica o BNG.

Vista de Malpica deste o porto. (Foto: Lorena PLS)
photo_camera Vista de Malpica deste o porto. (Foto: Lorena PLS)

A moción de censura en Malpica de Bergantiños é un intento do Partido Popular (PP) de rendibilizar politicamente os proxectos “previstos no Goberno, ou diferentes convenios en tramitación para potenciar o noso patrimonio”, xusto cando a vacinación está permitindo albiscar a final da Covid-19, sostén o Bloque Nacionalista Galego (BNG) da vila, que reuniu os seus órganos internos antes de facer declaracións sobre a moción de censura presentada a pasada sexta feira polo PP.

No comunicado, o BNG malpicán salienta que alcanzar a Alcaldía, vaise apoiar “incribelmente na persoa a quen máis criticou e mesmo atacou nestes anos de tripartito”, en referencia a Alfredo Cañizo, que se presentou en 2019 por Ciudadanos, mais se converteu en edil non adscrito despois de ser expulsado da formación estatal, por mor de entrar na coalición co Partido dos Socialistas da Galiza (PSdeG) e BNG.

Cañizo renunciou hai máis dunha semana aos seus cargos no Goberno local, cuestionando duramente o alcalde, Walter Pardo, que o acusou de bloquear a corporación nestes anos.

A asemblea nacionalista incide no traballo de “proxectos froito de dous anos de planificación a través do Plan Único da Deputación, e co orzamento necesario para executalos”, que seguen a ser “urxentes e necesarios para Malpica, as súas parroquias e a súa vila”.

Malia atoparse “no medio dun mandato totalmente anómalo, marcado por unha pandemia de carácter global”, o BNG destaca que “o concello se moveu e fomos facendo que se recuperara a actividade dentro das medidas que se ían decretando en cada momento concreto da pandemia”. Nese tempo “programouse cultura, deporte, executáronse as obras previstas e os servizos funcionaron con intensidade”, destacan.

A pesar do breve mandato que pode acabar coa moción de censura, “calquera que pasee por Malpica” pode percibir os cambios, detalla o escrito, que pon a Mostra de Olería de Buño como exemplo do “pulso do concello e a oferta de actividades para a nosa veciñanza e a xente que nos visita”.

Comentarios