O BNG acusa Feixoo de castigar Ourense nos orzamentos de 2021

A formación nacionalista pide máis investimento para a cidade das Burgas.
Luís Seara, Noa Presas e Iago Tabarés, en Ourense.
photo_camera Luís Seara, Noa Presas e Iago Tabarés, en Ourense.

De "decepcionantes" valoran desde o Bloque Nacionalista Galego o proxecto de orzamentos da Xunta para Ourense. O deputado do BNG Iago Tabarés afirmou esta segunda feira, 28 de decembro, que as contas do Goberno galego para 2021 "non responden ás necesidades do país" e sinalou que as emendas da súa formación pasan "en primeiro lugar por reforzar o sistema sanitario público, atendendo sobre todo á Atención Primaria".

Para a deputada nacionalista Noa Presas é "especialmente grave" que estes orzamentos, "que van ser os únicos expansivos da lexislatura e que teñen recursos extraordinarios por mor da Covid-19, non contemplen ningunha cuestión específica para Ourense que sexa determinante", deixando o concello "unha vez máis castigado".

A nacionalista sinalou "o baltarismo e o PP" como responsábeis de manter Gonzalo Pérez Jácome na Alcaldía da cidade e o bloqueo da mesma, "ao tempo que non son capaces de traer para Ourense nestes orzamentos ningún proxecto novo".

Nese sentido, Presas debullou o contido das emendas que o BNG presentou aos orzamentos e que suman 12 millóns específicos para a cidade das Burgas, cos que pretenden "blindar a sanidade, impulsar a economía e cubrir as débedas históricas que hai coa cidade".

Aliás, a deputada cargou contra as contas por non haber "partidas para infraestruturas  como a intermodal, de cara a corrixir na medida do posíbel o proxecto actual, que ninguén en Ourense apoia salvo o PP. É preciso reorientar todo o relacionado coa seguridade viaria nesa zona tan conflitiva", dixo.

Máis investimento para Vigo 

Tamén o BNG presentou as emendas aos orzamentos da Xunta en relación con Vigo, nas que demanda un aumento do investimento nesta cidade de 105 millóns.

Entre outros aspectos, e segundo detallaron a deputada Carmela González e o portavoz municipal Xabier Pérez Igrexas, no  ámbito sanitario demandan o rescate da concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro e a absorción de Povisa polo Sergas.

Comentarios