Eleccións Municipais

O BNG acode ao 26M convencido de que das urnas sairá “un aumento do nacionalismo nos concellos”

Máis de 4.000 persoas, a metade delas non militantes, integran as 245 candidaturas municipais do Bloque para o 26M. O coordinador de campaña, Rubén Cela, afirma que as municipais “son as eleccións máis próximas e é máis difícil gañalas nun plató de televisión de Madrid”.

rubén cela
photo_camera Rubén Cela, coordinador de campaña do BNG.

O BNG presentará nestas eleccións municipais do 26 de maio un total de 245 candidaturas, propiciando así que 95% da poboación poida coller o día dos comicios a papeleta da fronte nacionalista. Un total de 4.025 persoas fan parte desas candidaturas, máis da metade delas non militantes, e cunha salientábel presenza de mulleres e mocidade, como apuntou o responsábel de campaña do BNG, Rubén Cela. Un Cela que agradeceu moi especialmente "ás persoas que aceptan ir en candidaturas do BNG, xa que hai moitas persoas ás que aínda lle é difícil expresarse libremente xa que a coacción e a chantaxe segue a funcionar e, ás veces, presentarse é case heroico".


O coordinador de campaña do BNG ten claro que as eleccións municipais van ser un chanzo máis na remontada da organización nacionalista.  Destaca que a formación presente candidaturas no conxunto de comarcas do país e, por primeira vez, en todas as entidades locais menores. "Poucas organizacións poden contar cunha presenza tan forte no territorio, o que suporá un aumento de representación do nacionalismo nos concellos", dixo.

Poucas organizacións poden contar cunha presenza tan forte no territorio, o que suporá un aumento de representación do nacionalismo nos concellos

Rubén Cela mostrouse convencido de que o BNG superará resultados nos próximos comicios. "Revalidaremos alcaldías como Pontevedra, Carballo, Ponteareas e moitos outros e volveremos gobernar en concellos dos que nos sacaron de maneiras espurias como Fene, Boimorto ou Pontecesures", manifestou o coordinador, que agarda un incremento de presenza notábel nas corporacións municipais. Recuperar a presenza en Ourense e Vigo e aumentar a representación nas outras cinco cidades é outro dos obxectivos que a formación nacionalista marca para as próximas eleccións.

"As municipais son as eleccións máis próximas e é máis difícil gañalas nun plató de televisión de Madrid. A veciñanza coñece as persoas que se presentan e as súas traxectorias e poden dar unha da implantación real das forzas políticas", concluíu.

Comentarios