BNG abre o curso político cun apelo a superar o "actual marco estatutario"

O BNG reuniu a súa Executiva Nacional para dar especial realce ao comezo do novo curso político. A palabra de orde é a superación do "actual marco estatutario", segundo se tira da comparecencia perante a imprensa da portavoz nacional da organización soberanista, Ana Pontón. O BNG vai propor a constitución no Pazo do Hórreo dunha ponencia para deixar atrás "o actual marco creado polo Estatuto e a Constitución".

Executiva Nacional do BNG
photo_camera Un aspecto da reunión da Executiva Nacional do BNG

Galiza é unha nación e debe ser recoñecida expresamente como tal, con todos os direitos políticos que lle corresponden. Iso implica superar os marcos delimitados pola Constitución de 1978 e o Estatuto de Autonomía de 1981. Esa é a ideia forza que anima o BNG no comezo do novo curso político. A formación soberanista reuniu a súa Executiva Nacional e deu luz verde á apresentación dunha iniciativa no Parlamento galego nese sentido, a constitución dunha ponencia que vise a consecución dun poder político digno de tal nome para o país.

"Queremos un debate parlamentar, mais tamén social", enfatizou Ana Pontón na súa comparencia perante a imprensa, coa vista posta na "superación" do actual marco político. O BNG ten claro que "estamos perante un fin de ciclo" e que cómpre irmos a "un novo horizonte como país". Galiza ten que poder contar "con instrumentos para intervir na economia, ter unha fiscalidade xusta, defender os direitos sociais que nos están roubando, blindar os nosos servizos públicos e normalizar a nosa lingua e cultura", dixo a líder soberanista.

Galiza non ten saída no modelo da dependencia. "Hai 3.500 millóns de euros que pagamos -dixo Pontón en alusión ao déficit fiscal do país co Estado- e que non reverten na nosa sanidade, educación e servizos públicos", denunciou. Nese sentido, a portavoz nacional da formación frentista xulgou como "decepcionante" a posición de Feijóo en relación ao financiamento. Non precisamos dun comité de expertos que acabe por facer un cántico ao centralismo e por desbotar calquera avanzo significativo na autonomía fiscal, veu dicer a líder nacionalista, quen reiterou a aposta do Bloque no concerto económico [que Galiza recade todos os impostos e pague a Madrid só polos servizos que o Estado empresta].

A situación do mercado laboral mereceu tamén un comento por parte de Pontón. Na súa opinión, a propaganda gubernamental reborda triunfalismo cando a precariedade do traballo na Galiza é "un grave problema" e "cada día 61 persoas teñen que facer a maleta e emigrar".

Comentarios