"Fun expulsa por exercer un dereito recollido no regulamento da Cámara"

A presidenta do Parlamento expulsou a deputada do BNG, Carme Adán, cando esta procedía a intervir na quenda de interpelacións desde a tribuna.

BNG
photo_camera [Imaxe BNG]

"Fun expulsa por exercer un dereito recollido no regulamento da Cámara". Así de taxativa se amosou a parlamentar do BNG, Carme Adán, en conversa con Sermos Galiza após ser botada da Cámara lexislativa pola súa presidenta, Pilar Rojo. 

Esta cuarta feira, cando se iniciaba a quenda das interpelacións durante a sesión plenaria a parlamentar do Bloque procedeu a intervir nunha a respeito da industria en Ferrol. De acordo co regulamento da Cámara, Adán achegouse á tribuna ao que Pilar Rojo respondeu negándolle tal posibilidade en base ao acordo alcanzado por PP e PSOE polo que se reducen as intervencións do grupo parlamentar nacionalista. 

Rojo sinalou que tería dereito a unha intervención "de tres minutos mais desde o escano" ao que Adán se negou sendo apercibida cunha primeira chamada á orde. De acordo co artigo 150.2 do regulamento os grupos poderán intervir desde a tribuna para fixar posición por un tempo de 10 minutos.

O regulamento rexe as interpelacións

Pola súa banda, Carme Adán insistíu en sinalar que o "artigo 79 do Regulamento" fixa que a presidenta poderá determinar a forma das intervencións "agás naqueles casos en que estas aparezan reguladas no propio regulamento", o que acontece no caso das interpelacións. Após tres chamadas á orde Pilar Rojo expulsou a Adán da Cámara quen foi acompañada polo resto de integrantes do grupo parlamentar do BNG en sinal de protesta. 

Desde o BNG aseguran que a actitude da presidenta do lexislativo constitúe un abuso de poder que podería ser recorríbel perante o Constitucional ao consideraren vulnerados os seus dereitos como deputad@s. 

Fe de grallas. Este artigo foi editado para redixir correctamente o artigo do regulamento referido ás interpelacións, o número 79, e non 179 como se indicaba inicialmente.

Comentarios