Un bloque soberanista avanza cara ás europeas

As formacións políticas encetan a recta final cara á configuración das candidaturas coas que concorrerán ás europeas en 2014. EH Bildu, BNG e ERC poderían candidatarse de maneira conxunta nunha coligación aberta tamén ás CUP, Nós-UP, Anova, PSM ou Solidaritat, entre outros.

Cámara do Parlamento Europeo (Foto: Nós Diario).

A piques de entrar na recta final do ano as formacións políticas que concorrerán ás eleccións europeas do vindeiro mes de maio inician a última rolda de contactos para configurar candidatura. Á espera de que formalmente fechen as coligacións electorais, todo apunta a que as forzas soberanistas que actúan no Estado español concorrerán de maneira conxunta nunha mesma candidatura. Porén, a proposta dunha "fronte ampla" impulsada por Izquierda Unida sitúa a algunhas formacións na encrucillada, entre elas, Anova. 

Nestas europeas podería repetirse a candidatura da Europa dos pobos mais coa incorporación doutras forzas como as que integraron Iniciativa Internacionalista

Co dereito a decidir e o proceso de transformación social como alicerces básicos, a coligación EH Bildu anunciou esta terza feira que repetirá a mesma fórmula electoral de pasados procesos. Desta maneira as forzas que integraron Bildu nas municipais, Amaiur nas eleccións a Cortes españolas e EH Bildu ao Parlamento basco volverán presentarse de maneira unitaria e suman, desta volta, unha forza máis: Alternatiba. 

No entanto, as europeas exixen da procura de maiores alianzas, habida conta da existencia dunha única circunscrición electoral de carácter estatal. Neste senso, todo apunta a que volverá a se repetir a coligación da Europa dos Pobos que nos comicios de 2009 obtivo 394.938 votos, mais á que se sumen tamén outras organizacións que noutrora concorreron baixo outro nome como Iniciativa Internacionalista. Formacións que partillan relacións políticas históricas, embora posuír unha traxectoria politica propia. 

Dereito a decidir e transformación social

A proposta lanzada por EH Bildu, BNG e ERC alicérzase sobre dous eixos fundamentais: o dereito a decidir das nacións sen Estado e a loita por unha sociedade máis equitativa. Así o expresaron as portavocías das tres formacións como elementos chave para a configuración dunha candidatura ampla ás europeas. Se ben, cumpre sinalar, as dinámicas internas de cada nación exixiu do desenvolvemento de roldas de contactos propias encamiñadas a artellar proxectos políticos propios que abranguesen as distintas forzas que actuando de maneira separada, compoñen o espectro do soberanismo político. 

Catalunya non terá unha candidatura independentista, segundo confirmou o deputado Joan Tardá

Neste senso, tanto o Bloque como ERC procuraron artellar unha candidatura unitaria das forzas nacionalistas na Galiza e Catalunya. Porén, nesta última "non é posíbel" asegurou en declaracións a un medio de comunicación basco o deputado republicano no Congreso español, Joan Tardá. 

No caso da Galiza, fica por ver cal é a resposta final á candidatura unitaria lanzada polo BNG e á que están chamad@s "todas as organizacións nacionalistas" que teñan, afirmou Xavier Vence, "o seu centro de decisión" no país. Desta maneira a organización frontista desbotaba a proposta defendida por Anova, na que non se exclúe o acordo con Izquierda Unida, formación á que @s de Beiras sitúan na esquerda rupturista.

Anova terá que decidir se integrará a candidatura impulsada polo soberanismo ou se, en troca, decidirá finalmente integrarse na pilotada por Madrid

Proposta que foi formulada, tamén, a organizacións soberanistas, mais que non obtivo resposta das nacións sen Estado cuxas organizacións políticas propias visan a confluencia de "todo o movemento independentista" basco, catalán e galego, salientou Joan Tardá, en relación ao que denominou como "alianzas con nacións irmás". 

Un bloque soberanista para dar voz aos pobos
Así as cousas, semella que finalmente serán dúas as propostas que callen --para alén do tradicional bipartidismo. Unha candidatura soberanista que mesmo podería abranguer por vez primeira forzas que tradicionalmente concorreron por separado como ERC, CUP, Solidaritat, BNG, Nós-UP, PSM, EH Bildu, Izquierda Castellana, Red Roja ou Independentista de Cuchas (Aragón). 

E outra que pasaría pola adhesión á proposta lanzada por IU e que na Galiza tivo a súa recollida por parte de Anova. A formación d@s de Beiras terá que decidir se finalmente integrará a candidatura impulsada polo soberanismo ou se, en troca, decidirá finalmente integrarse (xunto a Esquerda Unida) nunha listaxe basicamente pilotada e liderada desde Madrid.

Comentarios