Xavier Vence: "É preciso que a sociedade reaccione e reclame poder de decisión"

Xavier Vence denunciou o "discurso anestésico e propagandístico" do PP en Soutomaior e asegurou que "falar de recuperación económica" é "un insulto  á intelixencia". O portavoz nacional do BNG sinalou que "só se a sociedade reacciona masivamente" o país poderá "arrincar unha nova etapa"

photo_camera Xavier Vence, portavoz nacional do BNG

O voceiro nacional da organización frontista avanzou esta segunda feira que o comezo de curso estará marcado por "unha masiva mobilización popular" que @s nacionalistas convocan para o vindeiro 15 de setembro. Xavier Vence presentou a folla de rota do BNG de cara á recuperación da actividade política. O líder do Bloque denunciou esta segunda feira o discurso manifestado polo Partido Popular esta fin de semana en Soutomaior do que dixo é "un insulto á intelixencia".

"Non podemos aceptar o discurso anestésico e propagandístico do PP. Con mentiras non se tapa a realidade"

Para o nacionalista "a suposta recuperación económica" pregoada polos presidentes español e galego "é unha contradición absoluta cos feitos" como reflicten "os dados publicados polo Instituto Galego de Estatística". Xavier Vence bateu contra as declaracións dos mandatarios  populares e asegurou que "é un exercicio de cinismo" falar de recuperación cando "a economía continúa sumida na depresión" habida conta da caída do PIB, a demanda interna, o consumo e o investimento produtivo --aclarou o portavoz nacional do Bloque.

Neste senso, desde a organización frontista defenden a necesidade dun "cambio radical da política económica", sinalou. "Unha reorientación radical das polícias" que deveña dunha "masiva mobilización popular" que sirva de punto de partida cara á "unha nova etapa". 

"É o momento", asegurou o voceiro nacional do BNG en comparecencia de imprensa.  "É preciso reaxir masivamente", apuntou, para demandar "iniciativas e políticas críbeis" fronte aqueloutras que "laminan" e "debilitan", dixo, o país. Así, @s nacionalistas chaman a tod@s @s galeg@s "a batallar" exixindo "poder de decisión" e "instrumentos" para "poder termos futuro", subliñou.

"Os que non nos resignamos cremos que a cidadanía debe falar alto e claro e dicir basta"

"Queremos mobilizar a todos os sectores" que se ven prexudicados polas "políticas do PP" coas que do, "a crise prolongarase". Xavier Vence chamou @s estafad@s polas preferentes, labreg@s, mariñeir@s, traballadores do sector naval, traballadoras da confección de dos call-center, traballadoras do comercio, autónom@s, traballador@s do sector público, investigador@s, dependentes, desafiuzad@s, contribuíntes "das rendas medias e baixas que están a soster o resgate á banca cos seus aforros", pensionistas, estudantes... "toda esa xente", indicou, "que constitúe a base social deste país". 

"Os que non se resignan", aseverou Vence, "debemos falar alto e claro" e dicir "basta", nunha mobilización que a organización frontista asegura "há de ser multitudinaria". 

"O PP estivo financiándose de maneira irregular apoiado nun lobby económico que os apoiou a cambio de pór ao seu servizo o aparello do Estado"

Caso Bárcenas

O portavoz nacional do BNG demandou esta segunda feira a convocatoria de eleccións anticipadas na Galiza e Madrid. Inquirido polo caso Bárcenas e a sombra da corrupción que atinxe ao Partido Popular Xavier Vence asegurou que os dados coñecidos en relación cos papeis do ex-tesoureiro deixan en evidencia que "o PP estivo financiándose de maneira irregular" cando menos durante 20 anos. Neste senso, sinalou que a trama de financiamento destapada estivo apoiada "polo lobby económico" afín ao PP. Empresarios e entidades que apoiaron economicamente á formación "a cambio de pór ao seu servizo o aparello do Estado" e mesmo "o BOE", denunciou Vence.

Perante esta realidade o líder do BNG exixiu a convocatoria de eleccións antecipadas como "única forma de limpar as institucións".

Comentarios