O Bloque reclama explicacións a Madrid: ''non aceptamos converter o maquinista nun chivo expiatorio''

A formación frontista pediu xa na sexta feira 26 a comparecencia da ministra de Fomento, Ana Pastor, para que aclare "por que non se usan as medidas avanzadas, por que se usan trens onde estas non van implantadas e cantos tramos teñen taras". Aliás, exixen comisións de investigación no Parlamento e no Congreso "independentes"

photo_camera [Imaxe: BNG]


Co sinistro de Angrois "descubrimos que a seguridade dos nosos trens depende do maquinista". É este o modelo de condución que desde hai varios anos ten implantado Renfe, onde malia que outro condutor viaxa como pasaxeiro para facer relevos nos longos percorridos, na cabina traballa un único maquinista. "Non aceptamos converter o maquinista nun chivo expiatorio", dixo o voceiro nacional do Bloque, Xavier Vence.

Sobre este particular queixouse esta terza feira, subliñando a urxencia de que o ministerio de Fomento explique "por que non se usan as medidas avanzadas --en referencia ao sistema de freada ERTMS--, por que se usan trens que non poden incorporar as devanditas medidas --como o Alvia sinistrado-- e cantos tramos da rede ferroviaria galega teñen taras destas características".

Feijóo, preocupado polos negocios ferroviarios de España no Brasil

Para alén das responsabilidades do ministerio de Fomento, o Bloque exixe que tanto no Parlamento galego como no Congreso se poña en marcha unha comisión de investigación "realmente independente e non trufada polas empresas implicadas no negocio ferroviario".

A este punto referiuse tamén o voceiro do grupo parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, quen bateu no presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por estar "máis preocupado de que as empresas españolas non perdan contratos no Brasil" que de depurar responsabilidades ao redor do accidente.

"Insinuacións deliberadas" do delegado do Goberno español na Galiza

Vence e Jorquera arremeteron tamén contra as "insinuacións deliberadas" feitas polo delegado do Goberno español na Galiza, Samuel Juárez, lanzando a hipótese do atentado como causa do sinistro, e reafirmándose na mesma até incluso despois de que o ministerio de Interior desbotara tal posibilidade.

"As súas obsesións nos últimos tempos fixeron caer nunha trampa que a cidadanía non merecía", subliñou o voceiro nacional, namentres o seu homólogo no Parlamento enfatizou que "a falsa tese" do atentado foi lanzada "para facer carroñeirismo e sacar rédito político, emulando o comportamento vergoñendo do Goberno central no 11-M".

Unha comisión parlamentar e unha investigación "independente"

No Congreso, a formación frontista solicitou a comparecencia da ministra de Fomento, Ana Pastor. Segundo anunciou en rolda de imprensa a deputada do BNG en Madrid Rosana Pérez, rexistraranse nos vindeiros días máis dúas iniciativas: piden unha comisión parlamentar "onde se nos dea conta das causas, alén do fallo humano, e se cabe dirimir responsabilidades políticas"; e reclaman tamén a revisión da composición actual da comisión técnica de Fomento "por ser excesivamente gobernamental e depender de empresas do sector".

Continuou Pérez sinalando que, malia que en decembro de 2011 en Madrid anunciaron que Galiza tiña xa alta velocidade "quedou moi claroque estamos moi lonxe de ter as infraestruturas á altura das que hai xa noutros lugares do Estado".

Ao respeito, e tomando en conta que o Alvia sinistrado tiña previsto continuar o seu percorrido até Ferrol, Francisco Jorquera queixouse de que na Galiza "hai itinerarios ferroviarios máis propios do s.XIX que do s.XXI" e describiu como os comboios, para chegar á cidade departamental, deben ir pola liña Coruña-Palencia até Betanzos-Enfesta, e alí invertir o sentido da marcha para continuar até Ferrol.

Responsabilidades do Sergas por manter pechado o hospital do lado

Para alén de analizar o estado das infraestruturas galegas, o Bloque reclama tamén unha explicación sobre o acontecido no hospital de Conxo, que ficou pechado a noite do sinistro malia ser o máis próximo á curva da Grandeira. 

Partindo da premisa debullada por Xavier Vence --e que traballador@s do centro público confirmaron a Sermos Galiza-- de que os quirófanos estaban pechados en época estival por decisión da Xunta, o voceiro da formación frontista informou de que o hospital fai parte do Complexo hospitalario universitario de Santiago, polo que poderían ser derivados desde alí a Conxo e non ao policlínico privado La Rosaleda, que si fai parte do protocolo de evacuación do 061.

Comentarios