O BNG propón crear un "salario da liberdade" que "independice" as mulleres maltratadas dos seus agresores

A organización frontista rexistrou unha iniciativa que crea e regula unha prestación social "directa".

Carme Adán
photo_camera Carme Adán e Xavier Vence [Imaxe BNG]

Na véspera do Día Internacional para a eliminación de todas as formas de violencia contra as mulleres o BNG presentou unha Proposición Lexislativa encamiñada a regular unha prestación económica de carácter periódico destinada a aquelas mulleres que se atopen atinxidas pola violencia machista. A iniciativa ten por obxecto, explicou a deputada da organización frontista, Carme Adán, estabelecer unha ferramenta que permita "rachar a convivencia co agresor" para o que é necesario, enfatizou, contar con "independencia económica". 
 

Unha prestación directa

A proposta presentada polo Bloque vén a modificar a prestación económica que fora estabelecida coa aprobación da Lei 11/2007 para a prevención integral da violencia de xénero. Unha medida que fora impulsada pola propia Adán como secretaria xeral de Igualdade no goberno bipartito. Na loita contra a violencia de xénero, salientou, "son necesarias medidas de protección, medidas psicolóxicas e sanitarias, mais tamén medidas económicas para que a maltratada rompa a convivencia co agresor, precisa independencia económica". 

Carme Adán: "Son necesarias medidas de protección, medidas psicolóxicas e sanitarias, mais tamén medidas económicas"

Neste senso, sinalan na exposición de motivos da propia inciativa --á que tivo acceso Sermos Galiza-- é precisa unha "mudanza" que definan este tipo de prestacións como "directas". Na actualidade, a configuración legal prevista na Lei 11/2007 "deixa en mans do executivo de turno a súa convocatoria así como a dotación orzamentaria" da mesma. 

"É necesario loitar cada día contra a violencia de xénero e non chega con poñerse un lazo lila o 25 de novembro", afirmou Carme Adán en comparecencia de imprensa. Así pois, defendeu modificar a actual Lei contra a violencia machista para mellorar as axudas económicas ás vítimas incrementando contía e duración da prestación. 
 

Unha contía igual ao SMI

A iniciativa estabelece unha cantidade mínima a percibir por aqueles mulleres que acrediten a súa condición de mulleres "maltratadas" e que dispoñan dunha "renda ou ingresos brutos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente". Neste senso, a proposta lexislativa condiciona a prestación "exclusivamente ás rendas ou ingresos de que dispoña ou poida dispór a solicitante" e non as "rendas individuais do agresor" ou "a vivenda habitual" da muller. 

A contía do denominado "salario da liberdade" calcularíase "regulamentariamente". Para ingresos "iguais ou inferiores ao IPREM" corresponderase co "salario mínimo interprofesional" podendo ser "incrementada" no caso de posuír crianzas ao seu cargo ou persoas con diversidade funcional "igual ou superior ao 33%". 

Naqueles casos en que as rendas sexan "superiores ao IPREM" e "iguais ou inferiores a 1,5 veces" este indicador a "contía mínima será do 75% do SMI". 
Aliás, incrementa o período da prestación de 12 a 18 meses, "prorrogábeis" se a muller non atopar emprego. 

Xavier Vence: "A violencia machista case nunca empeza pola agresión física, senón pola verbal, pola psicolóxica"


7 mulleres asasinadas en 2014

Na súa comparecencia, Carme Adán e o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, alertaron do "listón de tolerancia" social a respeito da violencia exercidas contra as mulleres. Unha violencia que, advertiron, non se limita á violencia física. "Ademais desta violencia extrema existe un maltrato xeneralizado contra as mulleres" que, segundo un informe da UE, lembrou, 1/3 das mulleres europeas -62 millóns- sufriron agresión física ou verbal en algún momento da súa vida.

"A violencia machista case nunca empeza pola agresión física, senón pola verbal, pola psicolóxica, por xerar relacións de dependencia na que se prima a superioridade do home", argumentou o voceiro nacionalista logo de expor os dados rexistrados no que vai de ano. Un período en que 7 mulleres galegas foron asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas e que se suman ás máis de 700 asasinadas en todo o Estado desde 2003. 

Comentarios