O Bloque pide que a Xunta se opoña ás reválidas

Reclama que o goberno galego "atenda as demandas da comunidade educativa" e que non aplique unhas probas que tilda de "regresivas, selectivas, clasistas e recentralizadoras".

Xavier Vence
photo_camera [Imaxe BNG]

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, demandou esta segunda feira (4 de maio) que o goberno de Alberto Núñez Feijóo se opoña á aplicación das reválidas. Unhas probas, sinalou o voceiro da organización frontista "que desvalorizan a función principal do profesorado e introducen un factor de distorsión no noso proceso educativo, até agora sempre baseado na avaliación continua". 

O Bloque sumouse así ás demandas da comunidade educativa que considera estas probas o "elemento máis nocivo da LOMCE", como manifestou a CIG a pasada semana. 

"Cremos que é importante que non se implante este sistema de probas selectivas excluíntes e antisociais", sinalou Vence en relación coas propostas lanzadas nos últimos días e que chaman á insubmisión dos centros e das familias. 

Neste senso, desde o Bloque reclaman que a Xunta se sume aos gobernos territoriais e negocie con Madrid unha delegación competencial para poder aplicar a nova lei educativa con criterios propios. Unha lexislación, denuncian, "regresista, selectiva, clasista, centralizadora e elitista" que "teima" en "clasificar "aos nenos e nenas xa dende o berce para reservar os mellores itinerarios para os fillos dos máis ricos".

Comentarios