O Bloque pide que se respecte a convocatoria da consulta catalá

A organización frontista defende a legalidade do referendo e demanda "respecto" ás institucións catalás e ao "pobo". 

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, amosou esta segunda feira o seu apoio á consulta catalá após coñecerse os recursos de inconstitucionalidade presentados polo Goberno español. 

Para a organización frontista o executivo de Mariano Rajoy está a empregar "parapetos formalistas" para frear a consulta pola vía xudicial e instou a respectar a vontade das institucións catalás e do "pobo" que masivamente se mobilizou o 11 de setembro con motivo da Diada. 

Vence defendeu o carácter "democrático" e "legal" da consulta e acusou o goberno de Madrid de facer un "uso partidista" do Constitucional. Asemade, considerou que "non é unha solución" recorrer os textos aprobados en Catalunya ao tempo que animou a actuar con "mesura, diálogo e respecto". Pois, "os demócratas non teñen medo ás urnas", dixo o voceiro nacional do Bloque, "calquera que sexa o resultado". 

Comentarios