O Parlamento debate unha Lei de consultas o día que o Congreso dirá non a Catalunya

A Proposición de Lei presentada polo BNG visa regular a participación cidadá nos procesos de toma de decisións. Até o momento, un dereito reservado para as institucións representativas mais non para a cidadanía. 

Parlamento
photo_camera Parlamento de Galiza

O Bloque Nacionalista Galego defenderá esta terza feira unha Proposición de Lei de consultas populares. A iniciativa presentada pola organización frontista visa regular a participación cidadá nos procesos de toma de decisión como unha "ferramenta de democracia directa" que permita o pobo tomar parte nos procesos de toma de decisión. 

Neste senso, a proposta lexislativa ten por obxecto recoller o dereito de Galiza a convocar referendos populares naqueles asuntos de interese xeral en que se queira pulsar a opinión da cidadanía ou mesmo que esta teña capacidade para exixir a convocatoria dunha consulta. Así, a medida, "estabelece o réxime xurídico, procedemento, cumprimento e convocatoria das consultas populares por vía de referendo no ámbito Galiza e no ámbito municipal" de acordo con cadanseu ámbito competencial. 

Regular a participación cidadá na toma de decisións

A Proposción de Lei parte, explican desde o BNG, dun dereito --o de participación-- que embora estar recoñecido como fundamental pola Constitución de 1978, fica sen concreción no actual marco xurídico. Asemade, lembran, a súa regulación é até o momento competencia exclusiva do Estado o que lle atribúe un carácter ineficiente. 

Desde o Bloque apostan en que Galiza se dote dunha lei propia que regule unha participación popular directa nas decisións políticas através da ferramenta do referendo, quer a nivel nacional, quer municipal. Estas consultas poderán ter ou non carácter vinculante. Porén, de ser así, o goberno agelgo estará obrigado a adoptar as decisións pertinentes para executar o acordo nos seus termos. 

Aliás, a iniciativa lexislativa contempla tamén a convocatoria de referendos por iniciativa popular para o que requerirán a mesma cantidade de sinaturas que nunha ILP (15.000). 

Desde a organización frontista defenden a aplicación das ferramentas electrónicas existentes até o momento para facilitar --e abaratar-- o desenvolvemento das consultas.

Comentarios