146 NOMES PROPOSTOS PARA O NOVO CONSELLO NACIONAL

Por volta de 1.500 militantes tomaron parte nas asembleas comarcais do BNG

As asembleas comarcais deron o visto bon a un total de 221 emendas.

O BNG encara o proceso de debate interno perante a Asemblea Nacional convocada para o 28 de febreiro. Neste senso, as comarcas debateron durante as últimas semanas o relatorio aprobado polo Consello Nacional -que obtivo un apoio moi maioritario na base militante do Bloque- e os distintos votos particulares, os que son á totalidade -os asinados por Alba Nogueira por un lado e Carme Adán e Tereixa Paz por outro; alén do de Abrente- e os que son emendas parciais e levan a rúbrica de Xavier Vence, Matías Rodríguez, Ana Miranda e Xosé Manuel Marcote.

Os votos particulares obtiveron máis votos a favor do que en contra -e, portanto, pasan ao plenario da Asemblea Nacional- nas comarcas de Allariz-A Limia, Monterrei, Celanova, A Estrada, A Mariña, O Condado e O Morrazo.

A militancia achegou 146 nomes para compor o Consello Nacional e elixir a nova portavocía 

Do debate comarcal resultaron, aliás, aprobadas 221 emendas presentadas pola militancia nacionalista e que se sumarán ao conxunto da documentación. Así mesmo, foron presentadas 146 propostas para a escolla do Consello Nacional --máximo órgao entre asembleas-- e da Portavocía Nacional. A esa listaxe, poderán engadirse nomes, explican, até o 25 de febreiro, data na que remata o prazo fixado polo regulamento da asemblea. 

Este sábado, 20 de febreiro, o BNG desenvolverá o último Consello Nacional antes do conclave que terá lugar no Palexco da Coruña o 28 de febreiro. 

Comentarios