O BNG exixirá o 15-S eleccións anticipadas. "Estamos nunha situación límite, hai que dicir basta"

A organización frontista chama a cidadanía a se mobilizar o vindeiro 15 de setembro en Compostela para exixir unha convocatoria electoral que poña fin "á connivencia entre o Partido Popular e os poderes económicos" mais tamén á "corrupción sistémica" que está a destruír social, política e economicamente a Galiza

[Imaxe: Xaquín Soliño]
photo_camera [Imaxe: Xaquín Soliño]

O portavoz nacional do BNG é taxativo. "Queremos eleccións anticipadas na Galiza e no Estado español". En conversa con Sermos Galiza, Xavier Vence explica que a mobilización convocada polo Bloque para o vindeiro outono visa reivindicar os dereitos nacionais da Galiza mais tamén "dar unha resposta clara" aos problemas do momento actual, a comezar pola "corrupción sistémica" que se deita nas filas do Partido Popular e que impón "o sistema de goberno dos lobbys".

"Queremos dar unha resposta clara aos problemas do momento actual"

O pasado 17 de agosto, Xavier Vence denunciou que o partido que sustenta os gobernos da Xunta e de Madrid ten "a democracia nun golpe de estado permanente" submetida aos intereses "neoliberais" e "centralistas" e lanzou un chamado á cidadanía galega a se sumar "a esta batalla" en prol dunha rexeneración política en profundidade, explica o voceiro nacional da organización frontista.

"Non estamos de acordo coas propostas doutros grupos como o PSOE" que piden "a demisión do presidente" para o trocaren "por outro do PP", di, "desde o BNG queremos eleccións anticipadas". Un adianto electoral que há de producirse, segundo o voceiro nacional do BNG, "na Galiza e no Estado español". "Hai que devolver a palabra á cidadanía", sentencia, porque "estamos nunha situación límite e temos que dicir basta".

"Non estamos de acordo coas propostas doutros grupos que piden a demisión do presidente para pór outro do PP, queremos eleccións anticipadas"

Ese é o obxectivo da "grande mobilización", en verbas do propio Vence, que o BNG prepara para o vindeiro mes de setembro. Unha convocatoria que virá precedida "dunha intensa campaña de información" para difundir entre a cidadanía as razóns polas que saíren ás rúas e que será presentada nos vindeiros días. 

"Queremos rematar coa connivencia do PP e dos poderes económicos" que está a "destruíren a economía produtiva e o sistema financeiro galego" e neste punto, sinala, "a soberanía" é a ferrmanenta para "rachar cos mercados e rescatar a democracia", recuperar "o poder do pobo sobre a economía, para garantir un futuro con emprego e mellores condicións de vida para todos e todas". 

Comentarios