Rexistra unha proposición non de lei no Parlamento

O Bloque exixe a retirada de distincións ao rei emérito

A actualidade arredor da Casa Real española e os sucesivos escándalos que afectan a Xoán Carlos I levan ao BNG a solicitarlle á Xunta que elimine aqueles elementos que lle rendan homenaxe.
EuropaPress_2564771_diputado_bng_luis_bara_rueda_prensa_ofrecida_parlamento_galicia
photo_camera Imaxe de arquivo do deputado Luís Bará. / Europa Press

O BNG vén de rexistrar unha proposición non de lei no Parlamento para que se retiren as distincións, retratos e outros elementos en homenaxe ao rei emérito, tanto na Cámara como nos edificios da Xunta, por considerar que a súa actuación á fronte da Xefatura do Estado e tras a súa abdicación "é incompatíbel coa ética e cos valores democráticos".

En concreto, os nacionalistas proporán no pleno que a Xunta deixe sen efecto o título de 'embaixador de honra' do Camiño de Santiago outorgado a Xoán Carlos de Borbón por decreto e "calquera outro título, honra ou distinción" que se lle deu.

Ademais, o BNG insta á retirada do retrato do emérito no Salón dous Reis do Pazo do Hórreo, sé do Parlamento, e tamén sollicitan que se proceda da mesma maneira con "outros elementos que lle rendan homenaxe" nos edificios que sexan titularidade da Administración.

Neste contexto, o deputado Luís Bará lamentou que "a lei do silenzo implantada durante décadas ao redor da Casa Real coa conivencia de todos os estamentos do Estado" permitise construír "unha imaxe deturpada e falseada" da monarquía borbónica que agora "é cuestionada abertamente por unha banda importante da sociedade e por medios de comunicación de todo o mundo".

Unha vida "pouco edificante "

Bará tamén sinalou que a "revelación da vida pouco edificante" de Xoán Carlos I, tras as informacións que apuntan ás supostas comisións pola AVE á Meca e á fortuna do emérito, "non é un problema de natureza privada senón que se trata dun feito de extraordinaria e grave transcendencia pública e institucional", xa que "deixa en evidencia á institución monárquica, ao réxime do 78 e á trama de intereses espurios tecida ao redor da Casa Real".

Así, tras a marcha do emérito a principios de agosto e a renuncia á herdanza do seu pai por parte de Felipe VI en marzo, Bará explicou que a iniciativa presentada para debater no pleno consiste "nun exercicio de decencia e hixiene democrática inaprazábel".

"O Parlamento non pode permanecer impasíbel diante de feitos de tan extrema gravidade e en consecuencia debe acordar, na maior brevidade posíbel, a retirada das honras e distincións concedidos a Xoán Carlos I e, sinaladamente, a exhibición de imaxes que homenaxean a súa figura", sentenciou o deputado do BNG.

Comentarios