O Bloque exixe a Feijóo que force a demisión do alcalde de Baralla

Para @s nacionalistas a responsabilidade está agora no presidente do PP e líder do executivo galego

 

Desde a organización frontista entenden que é Alberto Núñez Feijóo quen debe dar explicacións após o alcalde de Baralla negarse a demitir esta quinta feira. Para se manter no seu cargo como rexedor deste concello lugués, González Capón contou cos votos e apoio do seu partido. Neste senso, o Bloque exixe que o presidente do PP na Galiza há de ser quen "brigue a demitir" ao alcalde, do contrario, din, "está amparando a un cargo público que ocupa unha posición impropia e totalmente desmerecida ao mostrar co seu comentario no pleno pasado o total desprezo ás persoas que foron represaliadas no franquismo".

"Pedir desculpas polas súas firmacións non abonda", aseguran desde a organización frontista. González Capón pediu "perdón" co seu comunicado público por unhas declaracións que di "desafortunadas" e "sacadas de contexto" mais non se desculpou coas vítimas nin retirou a súa afirmación. "Non queda outra saída que abandonar o seu cargo", afirman. 

Segundo explicou Xosé Manuel Becerra, diante da gravidade das declaracións do rexedor e deputado provincial do PP, o BNG vai solicitar a súa dimisión na Deputación provincial, co que será a primeira vez na historia da democracia que unha institución solicite a dimisión dun cargo diante das declaracións deste tipo.

Comentarios