O Bloque exixe a convocatoria de eleccións en Galiza: "Feijóo está deslexitimado"

As deputadas do BNG, Tereixa Paz e Ana Pontón, demandaron a demisión do presidente da Xunta e a convocatoria de eleccións anticipadas pola trama de financiación ilegal desenvolvida polo PP durante 20 anos na que din, o PPdeG é "un elemento central"

Para o Bloque a corrupción no PP "é gravísima" e a trama de financiación ilegal coñecida nos últimos meses "escandalízannos". Así de taxativas se amosaron as parlamentares nacionalistas en comparecencia de imprensa.

Tereixa Paz e Ana Pontón, aseguraron esta terza feira que o Partido Popular está "deslexitimado" para seguir gobernando en Galiza polo que exixiron a Alberto Núñez Feijóo que presente a súa demisión e convoque eleccións antecipadas. 

Tereixa Paz e Ana Pontón exixiron a demisión de Núñez Feijóo e Rajoy polo financiamento ilegal do PP

Asemade, desde o BNG exixen do seu homólogo español, Mariano Rajoy, que actúe de igual maneira habida conta da súa estreita vinculación cos pagamentos ilegais percibidos pola cúpula do Partido Popular durante décadas. 

Toda esta información, din, "deslexitima a calquera goberno" polo que, reiteraron, "Feijóo e Rajoy deben demitir". Asemade, reiteraron as súas demandas para exixir que o líder do executivo galego compareza con urxencia para explicar as doazóns ilegais cobradas polo PPdeG en 2006 así como o papel da formación en Galiza na contabilidade B rexistrada polo ex-tesoureiro do partido,Luís Bárcenas. 

"O PPdeG resulta ser un elemento central" nesa trama, apuntaron as nacionalistas. Polo que o presidente da Xunta "debe dar explicacións".

Comentarios