SESIÓN DE CONTROL NO PARLAMENTO GALEGO

Retirada simbólica da pergunta do BNG a Feijóo, que porén a respondeu igual

O portavoz do BNG retirou a súa pregunta ao pesidente para criticar a exclusión dos grupos da oposición, agás o PSOE, na Cámara. O PSdeG ironizou cunha hipotética traizón de Feijóo a Rajoy para se candidatar ás eleccións estatais.

Jorquera
photo_camera [Imaxe BNG]

"Non ao recorte á democracia. Non nos calarán". Era o cartaz que presidía os escanos do grupo parlamentar do BNG esta cuarta feira (27 de maio) na sesión de control ao presidente. 

Con esta iniciativa @s parlamentares nacionalistas quixeron denunciar que "desde os tempos de Fraga é o segundo pleno no que non todos os grupos" puideron formular perguntas, sinalou o portavoz do Bloque na Cámara, Francisco Jorquera. 

A organización frontista criticou con dureza a mudanza introducida nas normas que regulan o funcionamento do Parlamento mediante a que os grupos políticos do BNG e AGE viron minguada a súa capacidade de intervención, a comezar por perderen capacidade de interpelación perante o presidente da Xunta. 

Unha modificación que, segundo Jorquera, visa blindar un bipartidismo en horas baixas. "Recurtando aos grupos", dixo, "estase a recurtar o dereito dos seus representados". 

Feijóo erixiuse como o "presidente que máis preguntas respostou na historia" de Galiza" mais por vez primeira fican excluídos grupos parlamentares desta función

"Vou aforrarlle que fale do bipartito", acrecentou o portavoz parlamentar do Bloque, ao tempo que anunciou a retirada da súa pregunta a Alberto Núñez Feijóo. Porén, a presidenta da Cámara, Pilar Rojo, posibilitou que o mandatario galego retrucase na súa quenda de resposta para se proclamar o "presidente que máis preguntas respostou na historia" de Galiza. 

En termos relativos, así é, pois esta función non se desenvolve desde a constitución do poder lexislativo en Galiza e inicialmente só tiña lugar unha vez ao mes. Porén, a redistribución de tempos pactada por PP e PSOE xera unha situación inédita até o de agora que exclúe grupos parlamentares desta interpelación. Un feito que motivou a presentación dun recurso de inconstitucionalidade por parte do BNG, pendente aínda de resolver. 

Feijóo, o 'Bruto' de Rajoy

Na súa quenda de intervención o portavoz do grupo parlamentar do PSOE, José Luis Méndez Romeu evidenciou o "fracaso político abrumador" do Partido Popular nas eleccións municipais. Unha queda de apoios que atribuíu as políticas desenvolvidas polo goberno da Xunta e de Madrid e as consecuencias sociais das mesmas. 

O socialista insinuou, ademais, que o obxectivo do presidente galego é candidatarse ás eleccións españolas e mesmo definiu Feijóo como 'Bruto', en alusión ao episodio histórico en que Marco Junio Bruto traizoou Julio César. Feijóo sería o Bruto de Rajoy. 

Alberto Núñez Feijóo botou balóns fóra afirmando que a súa "lealdade" é "unha forma de traballar desde que me levanto até que me deito". 

Comentarios