LUíS BARá PERFíLASE COMO CABEZA DE LISTA POR PONTEVEDRA

O Bloque concorrerá ás xerais como BNG-Nós Candidatura Galega

A organización frontista presentarase en coligazón coa FOGA e o PCPG.

CONSELLO NACIONAL 2
photo_camera Imaxe de arquivo do Consello Nacional do BNG

A Executiva Nacional do BNG vén de trasladar ás asembleas comarcais a súa proposta de candidatura para as eleccións ás Cortes españolas que terán lugar o 26 de xuño. Neste senso, fontes consultadas por Sermos Galiza explicaron que a organización frontista podería concorrer aos comicios en coligazón coa Federación Obreira Galega (FOGA) e o Partido Comunista do Pobo Galego (PCPG) baixo a marca BNG-Nós Candidatura Galega. En principio non recuncarán o Partido Galeguista e Coalición Galega a diferenza da convocatoria electoral do pasado 20 de decembro. 

Luís Bará perfílase como cabeza de lista por Pontevedra seguido de Ana Miranda como número 2

Ora ben, a decisión última será adoptada polo Consello Nacional que terá lugar o sábado 21 de maio, segundo puido saber este medio. 

Para alén da forma xurídica coa que se presentará o Bloque, a Executiva Nacional tamén trasladou a súa proposta de candidaturas. Entre os nomes que se incorporían ás listaxes provinciais destaca o do concelleiro de Mobilidade de Pontevedra, Luís Bará, que colle o testemuño de Carme Adán como cartaz eleitoral após a deputada decidir non facer parte das listas por "coherencia persoal" -na XV Asemblea Nacional mantivo posicións distantes das maioritarias no que ten a ver coa política de alianzas. No en tanto, Adán asegurou, en declaracións aos meios, que apoiará a campaña. Canda Luís Bará, na lista de Pontevedra aparecerá na segunda praza a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda. 

A proposta da Executiva deberá ser debatida polas asembleas comarcais e refrendada no Consello Nacional do 21 de maio

Polas circunscricións da Coruña, Ourense e Lugo, repetirían Carlos Callón, Noa Presas e Olalla Rodil, que xa encabezaran as respectivas candidaturas en decembro. 

O BNG decicidiu acudir aos comicios do 26 de xuño recuperando a súa marca electoral á que se suma o nome da coligazón coa que concorreran en decembro. Segundo ten expresado a súa portavoz nacional, Ana Pontón, a organización frontista ve nesta nova convocatoria "unha oportunidade" para que "Galiza volva ter voz propia" nas Cortes españolas após a experiencia dos últimos meses nos que, dixo Pontón, as "vellas" e "novas" forzas políticas con representación parlamentar estiveron "a facer o xogo dos intereses das súas direccións estatais esquecendo  o mandato e promesas que fixeron na campaña". 

Comentarios