O Bloque chama a se rebelar contra uns orzamentos "virtuais" para Galiza

O portavoz nacional da organización frontista, Xavier Vence, e a deputada do BNG no Congreso español, Rosana Pérez, denuncian o carácter "virtual" das partidas orzamentarias destinadas a Galiza e aseguran que as contas "non están pensadas para saír da crise" senón para engordar os lobbies da banca, as construtoras e as eléctricas. 

Os Orzamentos Xerais do Estado (OXE) para 2014 "están feitos a beneficio da banca e demais lobbies a costa dos asalariados e dos pensionistas". Así de contundente se amosou o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, en comparecencia de imprensa. O líder nacionalista valorou esta terza feira as contas presentadas polo Ministerio español de Facensa o pasado 30 de setembro e asegurou que os Orzamentos "desmontan o discurso do PP" ao reflectiren "que os sacrificios" pregoados polo executivo de Mariano Rajoy "non serviron para nada". 

Neste senso, salientou Xavier Vence, o endebedamento previsto nos Orzamentos 2014 sitúase no 100% do PIB sen contar os xuros a pagar á banca, un nivel de débeda moi superior ao das últimas décadas, acrecentou o voceiro nacional do Bloque. Asemade, o propio texto presentado polo ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, prevé o mantemento e mesmo un incremento na taxa de desemprego para o vindeiro exercicio, embora sexan presentados publicamente como os "Orzamentos da recuperación". 

"O futuro constrúese mellorando o presente, non sacrificándoo"
En troca, desde o BNG afirman con rotundidade que as contas para 2014 "non están pensadas para saír da crise", senón que pola contra manterán a situación actual. A aposta dos gobernos do Partido Popular en continuar a aplicar as mesmas políticas neoliberais son para @s nacionalistas "unha irresponsabilidade" que atinxirá gravemente @s asalariad@s e pensionistas con máis e maiores recortes no investimento social e o incremento dos "impostos regresivos". En troca, prevén a inxección 4.105 millóns de euros "para o oligopolio eléctrico".  

Xavier Vence denunciou as consecuencias que as novas medidas suporán para Galiza e salientou o "agravamento da pobreza" entre as maiorías sociais, nomeadamente entre as persoas xubiladas que verán minguado o seu poder adquisitivo.

A actualización das pensións nun 0,25% --atendendo a unha nova fórmula de cálculo que fica pendente de aprobar-- será notabelmente inferior ao incremento do IPC previsto para o vindeiro ano (arredor do 1,5%). Esta realidade, denuncian desde o BNG, atinxirá "de maneira indirecta" a moitas outras persoas na Galiza habida conta, din @s nacionalistas, da importancia das familias que teñen como única axuda para a súa subsistencia o denominado 'colchón familiar'.

Cumpre lembrar, sinalaron desde a organización frontista, que @s idos@s galeg@s perciben a día de hoxe as pensións máis baixas do Estado. 

A "virtualidade" dos OXE para Galiza
A deputada do BNG, Rosana Pérez, criticou a partida que o Ministerio de Fomento asigna nos OXE 2014 destinada á construción do AVE. A parlamentar denunciou que "ao igual que aconteceu en 2013" da contía total asignada "no papel" tan só foi executado "o 50% do orzamento" de maneira que boa parte do investimento previsto para 2014 pertencería á porcentaxe atribuída no exercicio anteior. 

De igual maneira, sinalou Rosana Pérez, o Estado vira as costas a algunha das súas promesas cos sectores produtivos galegos, como o naval, e que se verán "abandonados" o vindeiro ano. 

Neste senso, desde o Bloque chaman "a se rebelar" contra os Orzamentos ao tempo que anuncian presentarán en tempo e forma unha emenda á totalidade e emendas parciais á fin de procurar melloras atendendo aos intereses reais da Galiza. Porén, sinalou a deputada, non teñen moita confianza en que as súas achegas sexan tomadas en conta. 

Comentarios