"En bloque cara a un tempo novo", lema dunha XVI asemblea do BNG aberta "ao conxunto da cidadanía"

Unha Asemblea de portas abertas "ao conxunto da cidadanía" e que aposte "por novas caras" visando o reforzamento do "proxecto nacionalista". Eses son os trazos básicos do conclave do BNG axendado para a última fin de semana deste mes, días 25 e 26 na Coruña (Palexco). Así o explicaron esta segunda feira a responsábel de Organización, Goretti Sanmartín, e o de Comunicación, Rubén Cela.

GORETTISANMARTIN E RUBEN CELA PRESENTAN IMAXE XVIAN
photo_camera Goretti Sanmartín e Rubén Cela

Abrir portas e cancelas. Non só ao mundo das e dos simpatizantes, que xa tomaron parte no Proceso Adiante (con centos de persoas non afiliadas a faceren achegas ao debate), senón tamén ao mar aberto da cidadanía en xeral. Con esa intención afronta o BNG a XVI Asemblea Nacional, cos deberes básicos feitos, unha lideranza incontestábel (a de Ana Pontón, a grande revelación das eleccións galegas de setembro pasado) e os consensos tecidos sobre as cuestións fulcrais (a vixencia do frentismo, a continuidade das siglas, a consideración do BNG como movimento socio-político...).

Expresouno con clareza Goretti Sanmartín: "Facemos un chamamento á participación, é unha asemblea de portas abertas onde todo o mundo vai poder participar. A base militante e simpatizante xa o sabe, pero facemos un chamamento ao conxunto da cidadanía que até o 13 de marzo pode anotarse para participar nesta XVI Asemblea Nacional de portas abertas".

O lema eleito para o conclave da formación frentista é "En Bloque cara a un tempo novo". "En Bloque porque é e seguirá a ser o nome da organización, porque en Bloque representa unidade na diversidade, e con bloques se cimenta e se constrúe algo sólido", esclareceu Rubén Cela. O apelo "cara a un tempo novo" remite para a proxección de futuro do nacionalismo, cuxos perfís básicos xa os tería apontado a organización liderada por Ana Pontón nas pasadas eleccións galegas. "Un tempo novo de repensar e corrixir porque sabemos que podemos facer máis e mellor, tempo de reforzar e relanzar o proxecto nacionalista da man de toda a xente que se ten achegado ao BNG nos últimos tempos, e todo coa vocación de recuperar e ampliar apoio social e eleitoral", engadiu Cela.

Ese tempo novo envolve caras novas, implica renovación xeracional, na esteira da xa encetada na XV Asemblea Nacional do BNG, decorrida en febreiro de 2016, a cimeira que elixiu como líder do Bloque Ana Pontón. Agora trátase de aprofundar nesa liña e de apostar en "reforzar o papel da xente moza", sen que iso signifique desbaldir o capital dos cadros máis experimentados. O rol dos referentes históricos, esclareceu Sanmartín, estará vinculado a tarefas de formación, a través da Fundación Galiza Sempre.

E os textos a debate? Esmiuzounos en pontos básicos a responsábel de Organización. O frontispicio de todos eles é postular a vixencia do proxecto nacionalista e do direito a decidir, chave sen a cal é imposíbel conseguir a transformación social. "Cando falamos de direito a decidir, falamos das cousas de comer". Alargar o campo do nacionalismo é outro dos elementos fulcrais das teses, a partir de persoas que sen seren militantes si estexan dispostas a reforzar o campo do soberanismo galego. Aí é onde se inseriría a Estratexia Galiza, un marco de traballo a cinco anos vistas (2017-2022) co que o BNG se propón aumentar a influencia do nacionalismo en cada día máis amplos sectores da sociedade.

Comentarios