Perto de 200 persoas ateigaron na quinta feira (18 de setembro) a Aula 4 da Facultade de Filosofía. A asemblea aberta convocada pola comarca do BNG de Compostela xuntou numerosas voces para debater sobre o actual estado de cousas, as mudanzas que se están a producir no terreo político, electoral, económico e social mais tamén, arredor dos cambios que han de producirse no seo das organizacións políticas para recuperar a credibilidade e o apoio social.
Por volta das 20.15 horas e cun bocadiño de retraso comezaba a asemblea aberta. Riba da mesa non había orde do día ou un plan de traballo senón, a vontade de partillar ideas, confrontar pareceres e escoitar a todas aquelas persoas que quixesen achegar a súa perspectiva a respeito dos cambios que se están a producir.
Moitas foron as voces que se ergueron para valorar o traballo desenvolvido polo BNG ao longo dos últimos anos, mais tamén, outras tantas para retrucarlle á organización frontista non ter sido capaz de abranguer e canalizar o descontento social xerado após o estourido da crise económica. Algunhas das intervencións reclamaron mudanzas no seo da fronte nacionalista e unha maior "escoita activa" e "participativa" que rache coa rixidez que, sob o seu ponto de vista, foron adoptando as súas estruturas ao longo dos seus 34 anos de existencia.
Algunhas das intervencións reclamaron mudanzas no seo da fronte nacionalista e unha maior "escoita activa"
A crítica construtiva mesturouse co recoñecemento pola convocatoria do proceso 'Construíndo futuro' que o BNG lanzou co obxectivo de pór en común coa cidadanía as análises e diagnoses da actual situación política. Un feito que estivo marcado pola inminencia das eleccións municipais e o xurdimento de novas propostas electorais como as denominadas Mareas.
Algunhas das persoas que tomaron a palabra propuxeron ao Bloque sumarse a estes proxectos mais do intercambio de opinións saíu reforzada a aposta na concorrencia dunha candidatura nacionalista á que @s asistentes chamaron a se sumar a todas aquelas persoas e forzas políticas que teñan no cerne da súa acción política afortalar e reforzar o proxecto nacionalista.
No seo do debate, unha idea que percorreu a sala, "este é un punto de partida, non o final". Unha idea que reflicte a vontade d@s nacionalistas por dar continuidade a estes encontros abertos cos que recompilar opinións diversas --dentro e fóra da súa militancia-- para encarar o futuro máis inmediato, mais tamén, a longo prazo.