O Bloque amosa o seu apoio ao referendo catalán na Diada

O BNG está presente nos actos da Diada através do seu portavoz nacional, Xavier Vence, a responsábel de Relacións Internacionais, Ana Miranda e o ex-europarlamentar, Camilo Nogueira. 

Vence

A organización frontista acompañou a ERC nos actos iniciais da Diada cunha nutrida delegación conformada pola comarca do BNG en Catalunya, o portavoz nacional, Xavier Vence, e a responsábel da área de Internacional, Ana Miranda. Tamén estivo presente o ex-eurodeputado, Camilo Nogueira. 

O Bloque quixo estar presente máis unha vez no Día nacional de Catalunya para acompañar o pobo catalán nesta xornada histórica.

"Compartimos e apoiamos a ilusión do pobo catalán por facerse co seu destino, un pobo en marcha que democrática e pacificamente, cun civismo exemplar, quere conquistar a súa soberanía", afirmou Xavier Vence após a ofrenda floral desenvolvida perante o monumento a Rafael Casanova non que participou conxuntamente coa número dous do Esquerra Republicana, Marta Rovira, entre outros responsables políticos e militantes da comarca do BNG en Catalunya.

Vence dixo agardar que o "Goberno central e os poderes do Estado sexan respectuosos coa esencia da democracia" e non impidan que "os pobos poidan expresarse libre e pacificamente como está tentando facer o pobo catalán" de igual maneira, dixo, que o goberno de David Cameron respectou a convocatoria do referendo escocés. "Por que Escocia pode e Catalunya non?", se preguntou o voceiro nacionalista. 

Xavier Vence animou, aliás, a que Galiza non fique fóra "deste debate" e loite por "avanzar cara á soberanía" malia que, dixo, "Feijóo está a facer a Galiza máis pequena". 

Pola súa banda o presidente da Xunta asegurou que a Diada pode ser "un bo día" para que "o pobo catalán" poida "recuperar o sentido común" e a "intelixencia". 

Outras delegacións galegas e cidadás procedentes do noso país atópanse arestora na cidade condal para celebrar a Diada. Entre elas representantes de Nós-UP que acompañan as CUP e a organización xuvenil Arran. Tamén militantes do MGS --integrad@s no BNG-- que fixeron parte dos actos previos convocados por estas organizacións independentistas na véspera da Diada. 

Comentarios