O Bloque alerta do golpe que supoñen as reformas do PP para o autogoberno

O BNG considera que as medidas anunciadas por Alberto Núñez Feijóo son un exemplo do "proceso de renuncia" e "entrega" do autogoberno aos intereses "recentralizadores" do PP. Aliás, alertan á cidadanía da perda de democracia que suporá a redución de parlamentares prevista polo goberno da Xunta. 

Xavier Vence e Francisco Jorquera [M.Montero]
photo_camera Xavier Vence e Francisco Jorquera [M.Montero]

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e o voceiro parlamentar da organización frontista, Francisco Jorquera, compareceron en rolda de imprensa após a última xornada do debate sobre o estado da nación para facer un "balanzo xeral", asegurou Vence, das medidas anunciadas polo presidente da Xunta. 

Desde o Bloque quixeron "lanzar a voz de alarma" sobre o conxunto de decisións anunciadas por Alberto Núñez Feijóo e que responde, aseguran @s nacionalistas, á posta en práctica "do plan de recentralización política" que o PP está a deseñar desde Madrid. 

Xavier Vence e Francisco Jorquera denunciaron que a redución do investimento das autonomías defendido por Madrid e Bruxelas suporá un recorte de 400 millóns de euros en Galiza

Neste senso, o voceiro nacional da fronte sinalou catro exemplos que virían a reflectir o "proceso de renuncia e entrega" das ferramentas coas que Galiza conta para se autoxerir mais que o Partido Popular está a entregar ao Goberno central. 

Así, para o BNG a redución do número de escanos no Parlamento galego, a renuncia a defender a continuidade de NGB e a súa conversión nunha entidade pública ou a redución orzamentaria que Mariano Rajoy aplicará a Galiza --co visto e prazo de Alberto Núñez Feijóo-- supoñen "o desmantelamento do autogoberno" e, como consecuencia, denuncian desde a organización frontista, "reflicten o compromiso" do líder do executivo galego co "plan de recentralización" política do PP. 

Reducir o investimento de Galiza para blindar o gasto de Madrid
O portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, criticou con dureza a medida anunciada polo goberno español e Bruxelas que reducirá o investimento das Comunidades autónomas para o vindeiro exercicio. Neste senso, os límites fixados para a capacidade de gasto dos territorios --que no caso galego podería supor un 5% menos-- procura blindar a capacidade de gasto do goberno central embora isto supoña para Galiza contar con "400 millóns de euros menos", segundo os cálculos do Bloque, que a Xunta deberá retallar das súas propias competencias. 

Feijóo anunciou unha redución no IRPF galego porén o goberno español subirá o tramo correspondente a Madrid

Así o alertou o líder da organización frontista que asegurou, este recorte supón un chanzo máis no proceso recentralizador e terá o seu correlato na merma da "calidade dos servizos públicos" que en boa medida son xestionados pola administración autonómica. 

Asemade, denuncian desde o Bloque, a redución do IRPF que o goberno de Núñez Feijóo prevé aprobar esta sexta feira no Consello da Xunta, limitará máis unha vez os ingresos da Xunta entrementres o goberno español prevé o incremento do tramo deste imposto que lle corresponde cobrar. Asi, o voceiro parlamentar da organización frontista, Francisco Jorquera, criticou que o PP rexeitase a proposta de resolución achegada pola súa formación dirixida a procurar un novo modelo de financiamento para Galiza. Para o deputado "quedou demostrado" que "a oferta de diálogo" pregoada polo líder do executivo galego "non é críbel" pois, salientou" "Núñez Feijóo entende o acordo só como a obediencia ás súas políticas". 

A redución de parlamentares, un golpe á democracia
Os portavoces do BNG avaliaron tamén a anunciada reforma que o Partido Popular prevé aprobar desde o pasado ano 2012 e que visa reducir o número de escanos do Pazo do Hórreo dentro da forquita estabelecida polo Estatuto de autonomía.

O Bloque ve na redución de escanos unha estratexia do PP para blindar a súa maioría absoluta malia a perda de votos

Neste senso, Xavier Vence, quixo "dar a voz de alarma á cidadanía" sobre as consecuencias que para "a democracia" terá este recorte cuxo obxectivo, dixo, "é reducir a pluralidade" e "a oposición" ao tempo que o Partido Popular "pretende garantir a súa maioría absoluta" aínda cando "perde votos". 

Á espera de que @s populares rexistren no Parlamento a proposta, todo apunta que a reforma blindará as provincias do interior --Lugo e Ourense-- en detrimento da representación das máis poboadas. Algo que deixará, por exemplo, indicou Vence, "o voto de Pontevedra" cun valor dúas veces menos ao doutras circunscricións electorais. 

A medida é para @s nacionalistas "non só un xogo a curto prazo" senón "a redución da importancia" que teñen as "institucións e o autogoberno" de Galiza. 

Comentarios