Bloque e AGE requiren que Samuel Juárez aclare no Parlamento ''por que alentou a tese do atentado''

Mantivo esta hipótese como causa horas despois de que o ministerio de Interior a dera xa por desbotada. Piden tamén a comparecencia de Feijóo para que dea conta dos protocolos que se puxeron en marcha e que informe da seguridade na rede ferroviaria galega


O delegado do Goberno español na Galiza, Samuel Juárez, terá que explicar no Parlamento galego por que "alentou a tese do atentado" como causa do accidente ferroviario rexistrado en Angrois, en que morreron 79 persoas. 

Así llo demandan os grupos parlamentares de BNG e AGE, que reclaman conxuntamente a súa comparecencia para que aclare por que nas horas inmediatamente posteriores ao accidente "formulou nas súas manifestacións públicas a hipótese de que se podería tratar dun atentado", hipótese que mantivo incluso cando o ministerio de Interior xa a desbotara e os primeiros dados permitían tamén descartala.

Segundo BNG e AGE, este comportamento é "impropio" dun representante político, subliñando que as valoracións dunha catástrofe que saian por boca do máximo representante do Goberno español na Galiza "non se poden fundamentar en simples conxeturas ou presuncións, moito menos cando non existía ningún indicio que avalase esta tese".

Que Feijóo explique as condicións de seguridade da rede ferroviaria galega

Os dous grupos parlamentares reclaman tamén de maneira conxunta a comparecencia na Cámara galega do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para que explique o funcionamento dos protocolos e operativos de emerxencias despregados na noite do sinistro, así como as condicións de seguridade que afectan á rede ferroviaria galega. 

Así as cousas, AGE e BNG queren saber por que o nível de alterta 2 demorou "máis de dúas horas" en ser activado e a que se deberon os "numerosos" fallos de coordinación e a "carencia" de material que denunciaron @s profesionais.

Aliás, entenden que Feijóo debe aclarar por que o sistema ERTMS non funcionaba malia estar instalado, por que non era compatíbel co Alvia --o comboio sinistrado-- ou como é posíbel que a desaceleración de 200km/h a 80km/h nun tramo moi curto do traxecto "dependa unicamente do maquinista".

Comentarios