O bispo de Alcalá ve o PP tomado polo “feminismo radical” e “infectado polo lobby LGTB"

Era evidente que a integrista Igrexa española non demoraría en reaxir contra a decisión do Goberno Rajoy de retirar a súa reforma da lei do aborto.

bispo
photo_camera O bispo, durante a misa de Pascua de 2012

O bispo de Alcalá, Juan Antonio Reig Plá, fai parte da ala máis fundamentalista da xa de por si ultramontana Igrexa española. Nun comunicado, e en relación á decisión do Goberno Rajoy de finalmente facer decaer o seu proxecto de reforma da lei do aborto, botou man de arsenal dialéctico para atacar o PP, a quen ve “informado ideoloxicamente polo feminismo radical” e “infectado” polo lobby LGTB.

Reig Plá vai directamente a por Rajoy, de quen di que mente e é desleal, e acúsao de manterse pasivo ante o que cualifica como “holocausto silencioso”.

Este membro da alta xerarquía eclesiástica non dubida en reprocharlle á cupula da Igrexa española terse aliñado politicamente co PP e, en concreto, ter dificultado o aparecimento de partidos políticos ultra, en aparente alusión a Vox. 

Non é a primeira declaración abertamente homófoba de Reig Plá. De feito, expresións súas proferidas durante unha misa de Pascua de 2012 retransmitida pola TVE foron investigadas polo xulgado número 6 de Alcalá de Henares para esclarecer se tiñan ou non carácter delictivo. Daquela Reig Plá dixo que algúns homes que senten atracción por persoas do seu mesmo sexo se “corrompen” e “prostitúen” achando así “o inferno”.

Comentarios