O bipartidismo e IU víranlle as costas á proposta soberanista

Ningunha forza política española --nen PP, nen PSOE, nen UPyD nen IU-- apoiou esta tarde no Congreso d@s deputad@s a PNL presentada polas forzas soberanistas -BNG, Amaiur, ERC- a prol do dereito de autodeterminación. 

Soberanismo
photo_camera Os portavoces de ERC, Amaiur e BNG

PP, PSOE e UPyD votaron en contra, mentres IU optou pola abstención. Os partidos españois negaron o seu apoio á proposición non de lei presentada conxuntamente polo BNG, ERC e Amaiur. Os argumentos, variados. O obxectivo, o mesmo: "España una y no cincuenta y una". 

"Non cabe ningún unilateralismo", o proceso de ruptura democrática co Estado español "debe ser pactado". Así se expresou o deputado da Izquierda Plural, Joan Coscubiela. Embora sinalar que o seu grupo parlamentar está "a favor do dereito a decidir" por "radicalidade democrática" e "convencidos" de que "o marco constitucional non pode ser un límite", Izquierda Unida declinou apoiar a PNL presentada polas forzas soberanistas e que culminou na sesión plenaria desenvolvida no Congreso, un longo treito que durou perto de 8 meses. 

O deputado da Izquierda Plural di apoiar o dereito de autodeterminación, mais non a independencia, que é unha das formas en que aquel se concreta: "Aquí non cabe ningún unilateralismo"

Xunto @s representantes de IU, UPyD, PP e PSOE rexeitaron --desta volta a través dun voto contrario-- a iniciativa e mesmo, como no caso da deputada socialista Susana Somelzo, aseguraron "estar en contra" do propio dereito de autodeterminación. Un dereito recoñecido polo ordenamento xurídico internacional e ratificado polo propio Estado español en instrumentos xurídicos como os Pactos asinados en 1966 nos que se recollen os dereitos humanos; a Carta das Nacións Unidas ou a Resolución 2625 da Asemblea Xeral da ONU. 

Independencia non
"Non cabe ningún unilateralismo", continuou o parlamentar da Izquierda Plural de quen se agardaba o voto favorábel entre as forzas que asinan a proposición non de lei. Unha discrepancia, a amosada por IU, "profunda" indicou Coscubiela por "confundir", dixo, "o dereito de autodeterminación" coa independencia, un dos posíbeis resultados no exercicio á libre determinación dos pobos, "mais non  o único", sentenciou.

Non cabe a declaración unilateral de independencia para IU, que acaba de oferecer un pacto de coligación á Anova de Beiras para iren ás europeas

Para IU, as novas normas "de relación ou de separación" entre as distintas "nacionalidades" do Estado "deben ser froito dun proceso pactado a nível do Estado". Non cabería, portanto, a declaración unilateral de independencia, para esta forza política, que acaba de oferecer un pacto de coligación para iren xuntos nas eleccións europeas á Anova de Beiras.

"A PNL está imbuída dunha iconografía que non sempre é respectuosa coa democracia", salientou Coscubiela en relación coas referencias na iniciativa aos Països Catalans e Euskal Herria --cuxos territorios abranguen outros actualmente definidos como comunidades autónomas per se. 

Unha folla de rota distinta para Catalunya
Xunto ás discrepancias amosadas por Coscubiela, o representante da Izquierda Plural bateu contra Esquerra pola súa "pouca lealdade" ás decisións adoptadas polo Parlament Catalán e que ICV --formación á que pertence o deputado-- apoiou. Esqueceu Joan Coscubiela que a PNL debatida esta terza feira foi rexistrada no Congreso español hai 8 meses e após ser vetada en dúas ocasións pola Mesa da Cámara, chegou ao Pleno logo de se produciren as eleccións ao Parlament e o inicio dos pactos que pulan pola independencia de Catalunya.

O PSOE esfórzase por esclarecer que non apoia o dereito de autodeterminación, mentres o PP advirte: "Abandonen toda esperanza"

De igual maneira que a Izquierda Plural, o deputado de CiU, Jané i Guasch amosou a súa disconformidade coa presentación da PNL que considerou "unha folla de rota distinta" á acordada polo soberanismo catalán. Porén, adiantou que votaría a favor da mesma "como sempre fixo CiU". 

Indivisibilidade do Estado 
A defensa do dereito á libre determinación dos pobos, defendida de maneira conxunta polas portavocías do BNG, ERC e Amaiur visaba o "recoñecemento" e "respecto" a un "dereito inalienábel" e a "vontade democrática" dos pobos. Porén, o unionismo español bate con dureza contra a exposición de motivos argüída polo soberanismo ao que mesmo acusaron de empregar "falacias xurídicas", en verbas de UPyD. 

Nen os tratados internacionais, nen as resolución da xurisprudencia internacional serviron para lexitimar o dereito á libre determinación que --ao entender de PP, PSOE e UPyD-- fica submetido ao feito colonial, á falta de democracia ou a intervención militar dunha nación e que, por ende, "en ningún Estado da UE" se pode aplicar. 

"O dereito de autodeterminación non pode rematar cun Estado", dixo o parlamentar popular Gómez de la Serna que "como España" non contempla na súa Constitución ese dereito. "Abandonen toda esperanza" retrucou, "non imos permitir xamáis" a secesión. Para evitalo, dixo, "está a Constitución con toda a súa carga democrática". 

Comentarios