O bipartidismo duplicado: PP/Ciudadanos e PSOE/Podemos

España tiña un Rei (Juan Carlos I) e agora ten dous (Juan Carlos I e Felipe VI). Analogamente, podemos dicer que España tiña un sistema político bipartidista e agora vai ter un sistema político bipartidista duplicado. Transitoriamente, claro. Ben, na historia todo é transitorio. Menos mal: iso nos dá esperanzas de que, con efeito, algún día podamos producir algunha transformación real, val dicer, revolucionaria.

Albert Rivera, municipais 2015
photo_camera Albert Rivera, durante un mitin. [FOTO: Ciudadanos]

O bipartidismo instituído de facto após o golpe de Estado do 81 -a Constitución do 78 non o prefiguraba, embora si o favorecía- foi a alternancia PP-PSOE, na esteira do histórico turnismo da Restauración borbónica do XIX (no Estado español, a pouco que as elites podan, colócannos unha Restauración borbónica, ou unha Re-Restauración como a que acaban de perpetrar con Felipe VI). Ese bipartidismo primixenio entrou en crise pola combinación de dous factores: o colapso do capitalismo de 2007-2008, dunha intensidade feroz, parangonábel ao grande crack do 29, e a ruptura do contrato histórico con Catalunya, o pacto non escrito que mantivo o armazón do Estado máis ou menos unido durante séculos, e nomeadamente após se unificar o mercado interior na Península (abstracción feita de Portugal) no XIX.

Como a natureza odia o baleiro, a política ensaiou unha saída: o bipartidismo xerou unha imaxe especular, o bipartidismo duplicado, e así onde antes tiñamos o PP, agora temos o PP/Ciudadanos e onde antes tiñamos o PSOE, agora temos o PSOE/Podemos. Isto é, dúas forzas políticas no espazo do centro-dereita e dúas forzas políticas no espazo do centro-esquerda e/ou socialdemocracia.

Como a natureza odia o baleiro, o bipartidismo xerou unha imaxe especular: o bipartidismo duplicado

Significa isto que PP é igual a Ciudadanos e PSOE é igual a Podemos? Obviamente non. Como nos ensinou Marx, a historia nunca se repete a si mesma, unhas veces como traxedia, outras como farsa, mais o importante aquí non é a maior ou menor identidade das devanditas forzas políticas, mais si a súa funcionalidade para o sistema, isto é, que rol irán xogar, e que se espera delas.

Podemos e Ciudadanos naceron para canalizar a insatisfacción social, para que non rebordase a enchente da indignación. Naceron tamén para facer fronte ao que os mainstream media españois chaman o desafío soberanista catalán. Non, non é casual que a alternativa ao centrodereita en España naza en Catalunya: o Estado non se pode permitir o luxo de estar gobernado por un partido, o PP, que é residual no Principat. E non é casual que Podemos flirtease, nos estadios iniciais da súa existencia, co dereito a decidir das nacións: era necesario vender en Catalunya, Euskal Herria e Galiza a ideia, a ensoñación, de que Outra España -cool, guay, moderna- era posíbel.

CAMPAÑA ESCLARECEDORA

Nese sentido, esta campaña eleitoral das municipais está a ser enormemente esclarecedora. Non había dúbidas sobre Ciudadanos e a súa españolía prístina. Si sobre Podemos. Despexounas Pablo Iglesias ás primeiras de cambio ao asumir, na cuestión vasca, o discurso unionista español: ningún acordo con EH Bildu se a esquerda abertzale non condenar ETA. Podemos é ante todo unha máquina eleitoral e os votos non os disputa maioritariamente coa rapazada de Otegi, senón co PSOE de Pedro Sánchez. Iso explica todo. Non é disfrazarse de pragmáticos: é que Podemos é iso. Unha imaxe especular do PSOE.

Por economía de meios, unha sociedade non costuma ter dous referentes de centro-dereita e dous referentes de centro-esquerda. Acaba por optar. Ou un ou outro. O bipartidismo duplicado é, portanto, un período de transición e ten pinta de selo cara outra fase bipartidista. Haberá vencedores e vencidos. Ou caerá Ciudadanos ou caerá o PP. Ou caerá Podemos ou caerá o PSOE. Na esquerda o campo é algo máis ancho. Se cae Podemos, Iglesias pode rebobinar o discurso, recuperar Monedero (mi amigo del alma) e anexionarse Izquierda Unida. Non é o soño. É só un plano B.

Existe un certo grao de confusión perfeitamente explicábel en sectores próximos ao nacionalismo galego, aínda non esclarecidos sobre a verdadeira natureza do novo referente da esquerda española

Na Galiza, o bipartidismo sempre foi imperfecto, grazas á existencia do nacionalismo, o valor engadido deste país. Nesta fase de bipartidismo duplicado ocorre o mesmo. Cunha certa novidade (non absolutamente nova: nada o é nunca na historia) e é que existe un certo grao de confusión perfeitamente explicábel en sectores próximos ao nacionalismo galego, aínda non esclarecidos sobre a verdadeira natureza do novo referente da esquerda española. O esclarecimento vaise acabar producindo porque estamos no 2015 e a velocidade dos acontecimentos é hoxe, tuit mediante, enormemente superior á que rexía o mundo previo a Internet ou aos telemóveis. Por iso unha forza política hoxe xa nen precisa pasar polo goberno para se desnaturalizar e para se converter nunha caricatura de si mesma. Abonda con ir a Youtube a procurar “Pablo Iglesias Herriko Taberna” para vermos que dicía o profesor de Políticas da Complutense en 2013 sobre ETA e que di hoxe.

A paciencia sempre foi unha virtude revolucionaria. Ter templanza, tamén. En política é fundamental non precipitarse, como en tenis o é non cometer erros non forzados. Todo acaba indo ao seu rego. Certo espírito zen convennos, crédeme.

Se ollamos para o escenario con óculos galegos, ao final da escapada teremos por un lado o bipartidismo estatal (duplicado ou non, con maior ou menor sofisticación no disfraz) e, polo outro, o nacionalismo galego. A escolla de sempre: ou España ou Galiza. Os efeitos de optar pola primeira son ben coñecidos, mas, en todo caso, a sociedade ten a palabra.

Este texto viu a luz nas páxinas de Opinión do Sermos Galiza a quinta feira 21 de maio, no número 146 do semanario, disponíbel nos pontos de venda habituais e na nosa loxa.

Comentarios