O bipartidismo cede en Galiza máis de 400 mil votos

O retroceso histórico do PP non estivo correspondido na Galiza por un bon resultado eleitoral do PSOE. A queda foi conxunta. O bipartidismo perdeu case 29 pontos a respecto de 2009.

En 2009, a suma de PP e PSOE foise na Galiza ao 85,30% dos votos válidos emitidos ás distintas candidaturas que concorreron ás eleccións. A nota discordante co bipartidismo era daquela o BNG, cun 9,08% do voto.

Cinco anos despois, a suma de PP e PSOE engruñou até o 56,89% do voto, cun PP, alén do máis, en mínimos históricos na nosa nación, cun resultado que o afastaría durante moito tempo de calquer hipótese de reter o poder no goberno galego.

UPyD, até hoxe irrelevante na Galiza, obtén o seu primeiro resultado significativo na Galiza, co 3,47% do voto e 35.099 sufraxios

En número absoluto de votos, PP e PSOE ceden ás outras candidaturas 400.981 sufraxios. AGE, inexistente en 2009, e a emerxente Podemos son as formacións que benefician da queda do bipartidismo. Mesmo UPyD, até hoxe irrelevante na Galiza, obtén o seu primeiro resultado significativo na Galiza, co 3,47% do voto e 35.099 sufraxios. O BNG, por súa parte, resiste bastante ben o panorama de fragmentación do voto no espazo progresista e sitúase moi por enriba do que sinalaban as enquisas dos aparatos de comunicación máis próximos ao PP.

No Estado, a queda do bipartidismo é aínda máis acentuada. PP e PSOE perden conxuntamente 31,84 pontos. Sumaban en 2009 80,90% e agora fican no 49,06%.

Comentarios