Os Reis Magos traerán a Rajoy unha biografía de Rosalía

Os Reis Magos, si, son as nais e os pais. Ou non sempre. Desta volta é un parlamentar do BNG, Luís Bará. É el o autor dun dos agasallos que vai receber Mariano Rajoy este 6-X. Unha biografía de Rosalía de Castro.

Rajoy
photo_camera Rajoy, no recente acto de inauguración da ampliación da ponte de Rande

Mariano Rajoy receberá o día de Reis un presente que en principio custa asociar coa súa figura, a biografía de Rosalía de Castro escrita por María Xesús Lamas (Editorial Galaxia). Quen llo regala é o deputado do BNG Luís Bará.

O agasallo vén acompañado dunha carta. Nela Bará explica que o libro sobre Rosalía axudará Rajoy a "entender a riqueza, a complexidade e a extraordinaria valía da obra rosaliana, e a compartir as razóns pola que a día de hoxe dá nome a unha das principais avenidas da cidade [Pontevedra]”.

Si, nomea unha rúa que antes levaba o nome dun militar franquista -Salvador Moreno- polo que Rajoy parece sentir certa devoción.

RCHai truco neste insólito agasallo? En realidade, si. O que tenciona o parlamentar do BNG -explica a organización nacionalista nun comunicado de imprensa- é que a leitura da biografía da autora de Cantares Gallegos forneza a Rajoy argumentos para que poda entender por que o goberno local de Pontevedra resolveu -en aplicación da Lei de Memoria Histórica- retirar a denominación dun golpista do rueiro da cidade e substituíla polo nome de Rosalía de Castro.

Rajoy dixo non entender o troco de nome da rúa -embora este viñese obrigado pola aplicación da lexislación estatal- e afirmou que el continuaba a utilizar a antiga denominación, franquista, da avenida. Esas declaracións -dille Bará a Rajoy na misiva- serían "un acto de menoscabo e desprezo de Rosalía de Castro, a máis universal das escritoras galegas, persoa que encarna valores antitéticos aos do militar golpista: a defensa de Galiza e das súas clases populares, o feminismo, o compromiso coa lingua galega, a loita pola igualdade, a xustiza e a dignidade humana".

Luís Bará Aproveita a comunicación postal o parlamentar do BNG -e tamén concelleiro de Patrimonio e Memoria Histórica de Pontevedra- para, nesa dupla calidade, demandar de Rajoy que en aplicación das súas competencias promova a modificacion da denominación Salvador Moreno coa que se designa un centro de ensino -dependente do MInisterio de Defensa- que se acha ubicado na agora chamada avenida Rosalía de Castro.

E unha cousa máis: Bará lémbralle a Rajoy a vixencia da Lei de Normalización Lingüística -aprobada no seu día polo Parlamento da Galiza por unanimidade- e aféalle ao presidente do goberno o feito de recentemente ter utilizado nas redes o topónimo deturpado e ilegal Sangenjo (sic).

"Como vostede utilizou recentemente nunha comunicación escrita a forma Sangenjo -e emprega habitualmente formas deturpadas e castelanizadas da nosa toponimia-, permítome lembrarlle o deber que nos obriga a todos de cumprir e respectar a lei, e ao mesmo tempo a importancia de dar exemplo desde as institucións públicas", conclúe a súa misiva a Rajoy o parlamentar nacionalista.

Comentarios