Bioeconomía e xestión da auga, as chaves de Pontón para Ourense

Ana Pontón propón varios proxectos Next Generation de economía verde para a zona de Ourense e Galiza postCovid.
Ana Pontón presenta proxectos de economía verde para Ourense (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón presenta proxectos de economía verde para Ourense (Foto: Nós Diario)

Ourense acolleu a presentación dos proxectos en materia de economía circular e xestión do ciclo da auga que o BNG defende pór en marcha na Galiza, e para os que propón destinar 1.100 millóns de euros dos fondos europeos de recuperación Next Generation. A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, explicou as iniciativas da formación nacionalista para combater o cambio climático desde a bioeconomía e a xestión dun recurso estratéxico como é a auga "nunha urbe que ten entre os seus activos o Campus da Auga e conta cunha longa tradición termal". 

Pontón, acompañada do portavoz municipal en Ourense, Luís Seara, e da alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, puxo a vila alaricana como exemplo de desenvolvemento sostíbel, partindo da recuperación dun "recurso hídrico e dun espazo ambiental como o río Arnoia hai máis de tres décadas".

Para esa xestión sustentábel do ciclo da auga, o BNG aposta por tres proxectos cun investimento de 800 millóns: Estratexia da auga 2030, Plan Galiza dos dez mil ríos e Proxecto Galiza termal, con sede en Ourense.

A estratexia da auga 2030 ten como centro a protección e conservación dos recursos hídricos e nela a depuración sería chave. O proxecto recolle a modernización das redes municipais de abastecemento de auga, e tamén comunitarias e veciñais; dotar de depuración todos os concellos rurais e urbanos e dimensionar as redes de saneamentos. 

O Proxecto Galiza Termal inclúe a posta en marcha dun clúster de investigación e desenvolvemento das augas termais, mentres que o Plan Galiza dos dez mil ríos céntrase na recuperación dos ríos e na creación de reservas fluviais.
Aliás, propón destinar 300 millóns de euros para dous proxectos de bioeconomía: a creación da Axencia para os residuos e a economía circular e o Proxecto Formar para a investigación e aproveitamento de materiais de orixe forestal e mariña.

Protocolo en alta mar

Esta segunda feira, 22 de marzo, no Congreso dos Deputados, o deputado do BNG, Néstor Rego, rexistrou unha iniciativa para estabelecer un protocolo de actuación nos barcos que faenan en alta mar que asegure o cumprimento das medidas preventivas para evitar surtos da Covid-19 a bordo, así como a coordinación das embaixadas e consulados no estranxeiro para o caso de xurdir gromos despois de teren partido.

Rego tamén propón un protocolo para a vacinación do sector que atenda as características específicas das e dos traballadores embarcados nestes buques, as datas e duración da súa estancia e garantir a seguranza e saúde.

Comentarios