“No Bierzo somos moitos os que nos sentimos tamén galegos, con orgullo”

Fala Ceibe, a raíz do debate no Parlamento Galego dunha proposición relacionada co Bierzo, instar a mudar a dinámica territorial nesta comarca de cara a traballar por “un achegamento a Galiza”.

Vilafranca do Bierzo
photo_camera Vilafranca do Bierzo

No Parlamento de Galicia vai ter lugar a vindeira semana un debate dunha proposición non de lei relacionada co Bierzo. Esta proposta de resolución ten varios contidos, como a referencia á posibilidade de que esta comarca estreite as ligazóns con Galiza e a formación dun foro estable de diálogo entre Galiza e O Bierzo.

O colectivo Fala Ceibe lembra que en 2021 comemórase o 200 aniversario da provincia de Vilafranca, que integraba as comarcas de Valdeorras e Val do Visuña. “Dita conmemoración provincial berciana serve para debater sobre a reorganización territorial”, convidan.

Unha posibilidade desa reorganización, indican, é a recuperación da provincia do Bierzo que supón outra articulación territorial alternativa á comarcal. “Non se pode negar que o recoñecemento provincial traería novos investimentos públicos. Cómpre articular este amplo territorio con novas comunicaciois e servizos sanitarios, escolares, culturais, etc…”

Fala Ceiba considera que “O Bierzo non pode estar máis tempo illado por ser periferia da Comunidade autónoma de Castela e León. Hai que trocar de dinámica territorial cun achegamento a Galiza. A creación dun foro interinstitucional é fundamental para debater sobre a procura de soluciois. Hai moito que traballar nas materias comúns (comunicaciois, medio ambiente, sanitarias, turismo, etc). Non se pode admitir que os lindeiros políticos rematen coas estradas, esnaquicen os parques naturais, dividan a lingua galega, impidan os traslados sanitarios…” . Lamentan que aínda teñan que seguir a reivindicar o recoñecemento “dos nosos dereitos lingüísticos a falarmos galego”.

“No Bierzo somos moitos os que nos sentimos tamén galegos con fachenda. As enquisas sociolóxicas sempre recollen importantes porcentaxes de bercianos que apoian a súa quinta provincia galega. Por suposto que a normativa constitucional impón un procedemento legal moi difícil para calquera reforma provincial, mediante aprobación por lei orgánica”.

“Queremos ser protagonistas do noso futuro cun maior poder institucional propio, caso da reclamación provincial”, conclúen desde Fala Ceibe.

Comentarios