Besteiro tomará posesión esta segunda feira como delegado do Goberno español na Galiza

Miñóns e Besteiro, con miras á Presidencia da Xunta da Galiza.

A marcha de José Miñóns a Madrid abriulle as portas da Delegación a Gómez Besteiro. (Foto: Europa Press)
photo_camera A marcha de José Miñóns a Madrid abriulle as portas da Delegación a Gómez Besteiro. (Foto: Europa Press)

O novo delegado do Goberno do Estado español na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, tomará posesión de forma oficial do seu cargo esta segunda feira, 3 de abril, nun acto que contará coa presenza do ministro de Sanidade e anterior titular da Delegación, José Miñóns, e a ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez.

A Delegación do Goberno español na Galiza explicou que Besteiro xa se atopa exercendo a responsabilidade desde a pasada cuarta feira, após oficializarse o seu nomeamento coa publicación do Real Decreto no Boletín Oficial do Estado (BOE), conforme o aprobado no último Consello de Ministros e Ministras.

O acto oficial de toma de posesión terá lugar no Pazo de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco) coa presenza de Miñóns e Isabel Rodríguez. Fentes da Xunta tamén trasladaron que prevé acudir e presidir o acto o xefe do Executivo galego, Alfonso Rueda.

Co seu nomeamento como delegado do Goberno a proposta do presidente Pedro Sánchez, José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967) volve a primeira liña política tras permanecer sete anos apartado do foco mediático. O político decidiu facerse a un lado e dimitir como líder do PSdeG tras ser investigado pola xuíza Pilar de Lara en relación a varios delitos, todos eles arquivados.

Candidato socialista á Presidencia da Xunta

Após levantarse as investigacións que pesaban contra el, Besteiro regresa nun contexto no que os socialistas galegos, que celebran a súa rehabilitación política, aínda non despexaron a incógnita sobre quen será o seu candidato á Presidencia da Xunta.

Neste sentido e aínda que tamén se pode interpretar que o nomeamento de Miñóns como ministro de Sanidade achégao a esta posible carreira, o propio xefe de filas da formación, Valentín González Formoso, chegou a dicir que estaría disposto a dar un paso á beira e a apoiar Besteiro como candidato á Xunta se este decidise postularse a selo.

O actual líder do PSdeG, que confirmou que optará á reelección como candidato á Alcaldía das Pontes (A Coruña), dixo que daría paso a Besteiro como candidato chegado o caso e se se dese a conxuntura, "por xustiza" e "por lealdade persoal" co que considera un dos seus "mellores amigos".

Comentarios