Besteiro: "Haberá primarias e mesmo Rubalcaba pode ser candidato"

José Ramón Gómez Besteiro perfílase como gañador na carreira cara á Secretaría Xeral do PSdeG. En conversa con Sermos Galiza evitou avalar a continuidade de Alfredo Pérez Rubalcaba á fronte do PSOE mais asegurou que "pode ser candidato" o vindeiro ano porque "haberá primarias si ou si". 

José Ramón Besteiro
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro

O candidato á secretaría xeral do PSdeG e presidente da Deputación provincial de Lugo defende para o partido un proxecto "galego e sen tutelas" mais no que di debe ficar presente que "hai asuntos que sobardan as fronteiras do País". 

Gómez Besteiro defende mudanzas no seo da súa formación e aposta por un proceso de "rexeneración democrática" que dea maior capacidade de decisión á militancia pois está certo que a situación actual do PSdeG non depende só dun cambio de facianas. 

O líder provincial defende maiores cotas de decisión para as bases do seu partido mais rexeita de facto o dereito de autodeterminación dos pobos. Inquirido por unha eventual consulta soberanista, José Ramón Gómez Besteiro é tallante: "A deriva soberanista do PSC respéctoa, mais non a partillo". 

A entrevista íntegra atoparala no número 48 do Sermos Galiza. Xa á venda nos quiosques do País e na nosa loxa virtual.