Eleccións galegas

Besteiro quere adiar as primarias para elixir candidato até que se aclare a situación estatal

O líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, propúxolle este domingo ao Comité Nacional adiar as eleccións primarias para elixir candidato ou candidata á presidencia da Xunta até que se aclare a situación estatal e así se saiba se haberá novas eleccións.

[Imaxe: @EvaMFerrol]
photo_camera [Imaxe: @EvaMFerrol]

Na apertura do Comité Nacional no que se marcaría o calendario do proceso de eleccións primarias para elixir candidato ou candidata á presidencia da Xunta, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pediu “aprazar as primarias” até que se dilucide a situación do Estado para saber se se van convocar novas eleccións.

Após a intervención de Besteiro, pronunciouse no mesmo sentido Abel Caballero, alcalde de Vigo, quen avogou por que o PSOE marque os seus propios tempos. Ao longo do día coñecerase a opinión do resto dos dirixentes socialdemócratas a respeito da proposta de Besteiro.

O adiamento das eleccións primarias suporía un respiro para Besteiro, imputado dos delitos de suborno e prevaricación pola aprobación da urbanización O Garañón cando era edil de Urbanismo do Concello de Lugo. O socialista garda a esperanza de ser desimputado pola xuíza Pilar de Lara, pois a súa situación resulta complicada para se postular como candidato á Xunta.

Méndez Romeu pídelle a Besteiro que non se postule como candidato

Precisamente, o sábado, 5 de marzo, o portavoz parlamentar do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, instou o secretario xeral, nunha entrevista concedida a Radio Coruña, a dar un paso atrás e a non presentarse como candidato nas eleccións galegas. Méndez Romeu apuntou na conversa que a situación procesal de Besteiro se convertiría no tema central de campaña. Apuntou que lle corresponde ao líder do PSdeG retirarse e emprazouno a facelo canto antes.

Comentarios