Besteiro procura o primeiro impacto de campaña cantando nun karaoke

O secretario xeral do PSdeG interpretou a Nino Bravo antes de comezar a pegada electoral. Non é a primeira vez que canta nun acto público [VÍDEO NO INTERIOR]


Que esta vai ser unha campaña diferente ninguén o dubida. Máis algúns políticos decidiron ir máis aló. É o caso do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que arrancou a campaña nun karaoke en busca do primeiro impacto de campaña electoral. Besteiro interpretou o tema 'Noelia' de Nino Bravo na sala Museum de Ourense, nun vídeo distribuído por militantes e publicado polo diario local 'La Región', antes de dar comezo á pegada electoral.

Non é a primeira vez que Besteiro se arranca a cantar. Xa pechara a campaña das municipais cantando xunto ás Xuventudes Socialistas ou cando ocupaba a presidencia da Deputación de Lugo nun acto de promoción do Froilán en Barcelona.

Tampouco é o primeiro político que nos últimos tempos busca gañar votos a base de espectáculo. Os bailes do candidato do PSC, Miquel Iceta, ou da vicepresidente do Goberno central, Soraya Sáenz de Santamaría; as cancións interpretadas por Pablo Iglesias, líder de Podemos, ou a partida de futbolín en televisión de Mariano Rajoy, son só unha mostra de que todo vale por gañar estas decisivas eleccións.

Comentarios