Besteiro expresa publicamente o seu apoio a Pedro Sánchez

O secretario xeral do PSdeG,  José Ramón Besteiro, expresou publicamente o seu apoio a Pedro Sánchez, líder do PSOE e candidato á Presidencia do goberno español.

Após as diferentes voces que cuestionan e presionan Pedro Sánchez en relación ao posíbel pacto con Podemos, Besteiro decidiu apoiar publicamente o dirixente socialista. “Debe facer o que está facendo”, sinala nunha entrevista publicada no Faro de Vigo, na que salienta que Sánchez actúa “de maneira responsábel” e na que asegura que resistirá ás presións tanto externas como internas de quen lle pide un pacto con PP e Ciudadanos.

Sobre ás palabras da presidenta andaluza, Susana Díaz, que alertou Sánchez dos “aventurismos políticos”, Besteiro sinala que non os teme e lembra que a propia presidenta de Andalucía tomou posesión do seu cargo grazas a Ciudadanos. Amais, afirma que o PSOE goberna grazas a Podemos en Extremadura, Aragón, Castilla La Mancha ou Valencia.

Nesta entrevista, o secretario xeral do PSdeG advirte de que o referendo de independente en Catalunya “non se pode aprobar sen cambiar a constitución”, unha reforma da carta magna que, recoñece, “necesita o consenso co PP”. Tamén se pronunciou sobre as posíbeis eleccións que terían lugar na primavera de non chegarse a un acordo para conformar goberno. A este respecto pon de manifesto que outros comicios non beneficiarían nin Ciudadanos nin Podemos.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios