Besteiro e Raúl Fernández dirixen o PSdG-PSOE en Lugo e Ourense

Co respaldo do 73,3% dos delegados Raúl Fernández e por aclamación Besteiro convertéronse nos secretarios provinciais do PsdeG en Lugo e Ourense. Os congresos provinciais adiantan camiño de cara á próxima elección do candidato e á preparación das próximas eleccións á Xunta.
photo_camera Raúl Fernández na clausura do congreso en Ourense

Patxi Vázquez sae reforzado co trunfo de Raúl Fernández en Ourense, mais a dúbida técese diante da forza que está a tomar a figura de José Ramón Gómez Besteiro en Lugo. O presidente da Deputación, cargo institucional con maior poder do PsdeG-PSOE, ponse á fronte do partido na provincia e anuncia nas súas primeiras declaracións que o obxectivo é “recuperar a Xunta”. Candidato único ao congreso provincial, Besteiro, cos seus 44 anos conta xa con experiencia institucional de xestión e nel adivíñase unha carreira que pode ter un longo percorrido. Ao seu favor xoga tamén o apoio do ex-ministro José Blanco. Polo de agora Besteiro non descartou a posibilidade de se presentar a unhas primarias fronte a Patxi Vázquez no PsdeG-PSOE. Defende un proxecto de centro-esquerda galeguista e comparte xestión de goberno co BNG na Deputación de Lugo.

En troca, en Ourense as cartas están boca arriba para Patxi Vázquez. O reelexido secretario provincial Raúl Fernández é home da súa confianza e o triunfo reforza a presenza de Vázquez na súa provincia. Fronte a el presentábase o deputado Pablo López Vidal que arrebatou 23 papeletas fronte ás 66 acadadas por Fernández. O líder do PSdeG-PSOE asistiu á clausura do congreso en Ourense e afirmou que tiña a certeza do triunfo nas eleccións autonómicas, sexa "dentro de catro ou oito meses". 

Comentarios