martes 28/09/21
Comité Nacional do PSdeG

Besteiro di que "priorizará" a recuperación da Deputación de Lugo

Recuperar a Deputación de Lugo. Esta é, segundo o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, unha das prioridades da formación, despois de que a perda do ente provincial lle supuxera “un grave prexuízo”.

[Imaxe: PSdeG] Besteiro, na intervención durante a Convención Nacional
[Imaxe: PSdeG] Besteiro, na intervención durante a Convención Nacional

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou que o partido que encabeza “priorizará” a recuperación da Deputación de Lugo, despois de que a súa perda lle causara “un grave prexuízo” á formación. Así o sinalou na súa intervención durante o Comité Nacional do PSdeG, recollida por Europa Press.

Así, “máis pronto que tarde”, Besteiro marcouse como obxectivo que a Deputación de Lugo volva estar a mans do PSdeG. A este respecto, afirmou que é necesario que o partido que encabeza volva estar á fronte da Deputación para “plasmar o voto que expresou a cidadanía” e lembrou que o PSOE acadou nas eleccións municipais “os mellores resultados” na provincia de Lugo da súa historia.

Aproveitou Besteiro para celebrar que as deputacións da Coruña e de Pontevedra estean lideradas polo PSOE despois do pacto asinado co BNG en ambos os entes.

A Deputación de Lugo está gobernada por Elena Candia, alcaldesa de Mondoñedo, despois de que o PSOE, tal e como lle exixía o BNG, retirara a proposta de Manuel Martínez, o alcalde de Becerreá imputado, á presidencia. Tras retirar esta proposta, o PSOE presentou a Darío Campos, mais o alcalde de Becerreá votou por el propio na primeira volta, e en branco na segunda, propiciando que o PP se puxera á fronte do ente provincial.
 

comentarios