Besteiro desmárcase das presuntas coaccións do seu avogado denunciadas pola xuíza De Lara 

A maxistrada que imputou ao secretario xeral do PSdeG trasladou perante a Audiencia Provincial unha acusación por supostas presións por parte do actual letrado de Besteiro para que deixara o caso. 


O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, negou calquera conexión coas supostas coaccións denunciadas pola xuíza Pilar de Lara, que instrúe o caso Garañón, no que está imputado. De Lara trasladou perante a Audiencia Provincial un correo electrónico onde o actual avogado de Besteiro, Cándido Conde-Pumpido Varela, tería presionado presuntamente á maxistrada para que deixara o caso.

O líder socialista explicou que Conde-Pumpido, fillo do antigo fiscal xeral do Estado, non era o seu letrado en xuño de 2014, momento dos supostos feitos. O secretario xeral do PSdeG insistiu na súa inocencia sobre as imputacións do caso. Porén, evitou pronunciarse sobre os seguintes pasos e enmarcou na súa “esfera de reserva persoal” calquera decisión que tome sobre o seu avogado. 

Besteiro respondeu tamén ás declaracións presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que esixiu responsabilidades ao candidato do PSOE á presidencia, Pedro Sánchez. Besteiro aconsellou ao líder do PPdeG que se centre “na situación que ten en Galiza”, segundo declaracións recollidas pola axencia Europa Press.

A Fiscalía rexeita apartar a De Lara

Pola súa banda, a Fiscalía de Lugo rexeitou este venres apartar da instrución do caso Garañón a Pilar de Lara. O ministerio fiscal considera que a cuestión de competencia presentada por Besteiro “é manifestamente improcedente”

Comentarios