Besteiro dá novos pasos para perfilarse como candidato a secretario xeral do PSdeG

O presidente da Deputación de Lugo e secretario provincial d@s socialistas nesta provincia afirma que está "disposto a chegar a onde haxa que chegar" e que cando chegue o momento non ha dudar en "dar un paso adiante"
José Ramón Gómez Besteiro
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro

O presidente da Deputación de Lugo e secretario provincial d@s socialistas nesta provincia, José Ramón Gómez Besteiro, segue a xogar as súas cartas de cara a optar á secretaría xeral do PSdG no Congreso a realizar en 2013. Sen dicilo taxativamente, mais enviando mensaxes cada vez máis clarificadoras, Besteiro vai preparando o camiño. Se nun acto realizado esta fin de semana en Lugo manifestou ante un milleiro de afiliad@s socialistas da provincia que, "chegado o momento", non dubidará en "dar un paso adiante"; agora, nunha entrevista radiofónica, vén de sinalar que "está disposto a chegar a onde haxa que chegar".

Besteiro volveu incidir na súa idea de que o secretario xeral que saia do Congreso de 2013 terá que ser elexido directamente pola militancia do PSdeG, afirmando que a autoridade para este cargo debe dala "a democracia real do partido". Nesta liña, manifestouse mesmo a prol de cambiar os estatutos do partido para que esa elección do secretario xeral sexa polos e polas militantes.

O presidente da Deputación de Lugo tamén afirmou que debe de marcarse "entre tod@s" unha folla de ruta para que o Congreso se realice o máis cedo posíbel e apelou á apertura á sociedade e á necesidade de que haxa "un cambio" nas formas de actuar e sintonizar coa cidadanía do PSdeG.

Máis en POLÍTICA
Comentarios