Besteiro, sobre Rueda: "Podería utilizar a expresión de vago"

O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista criticou en rolda de prensa os primeiros cen días do presidente da Xunta da Galiza.
Nicolás González Casares e José Ramón Gómez Besteiro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Nicolás González Casares e José Ramón Gómez Besteiro (Foto: Nós Diario).

O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou esta segunda feira a "falta de impulso" do Goberno de Alfonso Rueda nos primeiros 100 días desta lexislatura á fronte da Xunta da Galiza.

"Podería utilizar a expresión de vago, mais é máis adecuado un goberno falto de impulso e tinguiduras de indolencia", expuxo o líder socialista en rolda de prensa.

En opinión de Besteiro, Rueda "segue sen trasladar que idea ten de país". Ademais, asegurou que nalgunhas áreas do seu Goberno ve "actitudes irrespectuosas", sinalando que o conselleiro de Sanidade "anunciaba entre risas que fecharía centros de saúde". Alén diso, reprochou ao presidente da Xunta que culpe ao Goberno do Estado español "de todos os males que ten Galiza". 

Xunto a Besteiro compareceu o eurodeputado socialista Nicolás González Casares, que tras celebrar que a "socialdemocracia" foi capaz de "parar á ultradereita" en Francia, avanzou que reclamará un Comisario de Pesca en Europa. "Imos traballar para que iso sexa de verdade importante", manifestou.

Comentarios