Besteiro considera “ben pobre” que Rajoy utilizara como defensa a súa imputación

Afirma que a reacción do líder popular debeuse a que foi “acurralado” por Pedro Sánchez durante o debate televisivo. O candidato do PP á reelección aludiu a Besteiro en entrevistas posteriores cando lle preguntaron pola corrupción.

besteiro
photo_camera (Imaxe: PSdeG)


O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, considerou que as alusións á súa imputación feitas por Mariano Rajoy durante o debate con Pedro Sánchez son un “argumento ben pobre”.  Asegurou que a reacción do candidato do PP á reelección debeuse a que foi “acurralado” polo líder socialista. 

Besteiro dixo que Rajoy “levaba catro anos escapando” das numerosas acusacións sobre corrupción que pesan sobre o seu partido. O secretario xeral do PSdeG sinalou que Sánchez erixiuse no cara a cara "no portavoz da maioría da cidadanía” por cuestionar sobre este tema ao actual presidente do goberno estatal.

“Se todo o que ten que dicir Rajoy é iso, a verdade é que ben pouco pode aportar nesta campaña”, criticou Besteiro, que recordou que el non está nas listas electorais ao Congreso. Dixo que as comparacións de Rajoy “caen polo seu propio peso”.

Porén, o líder dos socialistas galegos evitou pronunciarse sobre as novidades da súa imputación. Preguntado sobre a decisión da Audiencia Provincial de Lugo de ratificar a competencia da xuíza Pilar de Lara para investigalo, Besteiro eludiu dar máis explicacións e remitiu a declaracións anteriores. 

Unha sanidade pública co PSOE ou privada co PP

O secretario xeral do PSdeG pediu esta quinta feira ao electorado que elixa entre os socialistas que apostan por unha sanidade pública “potente” ou pola “deriva cara unha sanidade privada” do PP. Besteiro realizou as declaracións nunha visita ao Hospital Clínico de Compostela, onde denunciou os recortes e dixo que o único partido que pode garantir a sanidade público é o PSOE.

Comentarios