OS ARMADORES SEGUIRáN ACAMPADOS NO NADAL

Besteiro comprométese a modificar o reparto das cotas na frota do cerco

Após se reunir na mañá desta cuarta feira con representantes da asociación Acerca, que hoxe cumpren 42 días acampados diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en San  Caetano, Besteiro comprometeuse a modificar o sistema de reparto de cota na frota do cerco. Así, apuntou que se o PSOE chega ao Goberno central cambiará o plan de xestión do Cantábrico Noroeste para 2016 co fin de incluír un reparto “xusto”.

Besteiro criticou que o Ministerio de Agricultura publicara “con aleivosía e nocturnidade” unha nova orde para regular o plan de xestión de 2016, no que seguen a primar os criterios históricos para o reparto e no que non se segue un reparto lineal, por tripulante, que é o que piden os armadores galegos.
“Cando os criterios son incoherentes hai que cambialos”, sinalou o líder do PSdeG, quen acusou o Goberno de Mariano Rajoy de ser incapaz de corrixir “unha situación que vai en contra de todo o sentido común”.

Os mariñeiros continuarán acampados durante o Nadal

Pola outra banda, o portavoz de Acerga, Andrés García, sinalou que os armadores non levantarán o campamento e prevén pasar as festas de Nadal na acampada, en protesto polo desinterese da Xunta de Galiza arredor da súa problemática.

Comentarios