Besteiro chama a Podemos e Ciudadanos “partidos emerxentes do PP” 

O secretario xeral do PSdeG arremeteu contra as novas formacións e fixo chanzas con Rajoy durante o mitin na Coruña no que participou Pedro Sánchez. 

[Imaxe: PSOE A Coruña]
photo_camera [Imaxe: PSOE A Coruña]


O PSdeG encheu o Palacio de Congresos da Coruña para recibir ao seu candidato á Moncloa, Pedro Sánchez. Un acto onde o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, arremeteu contra Podemos e Ciudadanos, a quen chamou “partidos emerxentes do PP”, na liña defendida polo  líder do seu partido durante o discurso. 

Besteiro dixo que apoiar a estas formacións suporá “un voto menos para Pedro Sánchez que para Mariano Rajoy”. O secretario xeral do PSdeG asegurou que o actual presidente do Goberno central “non é de fiar” e fixo chanza coa súa aparición en programas televisivos. “Os dous puxeron a mesma cara que os primeiros poboadores da terra cando viron que se facía o lume”, dixo con humor sobre o programa de TVE conducido por Bertín Osborne.

Pilar Cancela defendeu a proposta socialista de abolir a prostitución

A súa cabeza de lista pola Coruña, Pilar Cancela, dixo que “leccións de igualdade, ningunha, de ninguén”, e defendeu a proposta do seu programa para abolir a prostitución. “As mulleres non nacemos para putas”, manifestou. Cancela fixo ademais referencia indirecta ao #SermosDebate reiterando que na súa formación son "españolistas, federalistas e galeguistas".

Un acto onde os socialistas se centraron no voto feminino. Nese sentido tamén falou Mar Barcón, a portavoz local do PSOE coruñés, quen apelou ao electorado feminino. “Non vos esquezades de votar a quen os ten que devolver os dereitos”, proclamou sobre Pedro Sánchez.

O líder do PSOE realizou o seu único acto de campaña en Galiza, un día despois do debate en Atresmedia. Sánchez adicou boa parte da intervención a cargar contra Ciudadanos e Podemos. Cualificou a Pablo Iglesias de persoa que “se quere a si mesmo” mentres reivindicou a experiencia política da súa formación fronte á de Albert Rivera.

Comentarios