Besteiro asegura que “despois de seis anos con este Goberno somos menos galegos”

O líder do PSdeG participou na Conferencia Autonómica do seu partido en Valencia, onde defendeu as primarias e lembrou que os candidatos do PP para Ourense e Vigo saen “do Goberno da Xunta menos valorado da historia de Galiza”.

besteiro-crop
photo_camera Besteiro e Sánchez

O secretario xeral d@s socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou este sábado que Galiza “é moito máis pobre e ten menos futuro que hai seis anos”, como consecuencia das políticas de austeridade da Xunta de Alberto Núñez Feijóo, “un alumno avantaxado de Mariano Rajoy que preside o Goberno menos coñecido e peor valorado da historia de Galiza”. “Os candidatos do PP ás eleccións municipais en Galicia pertencen a esa marca, veñen dun Goberno en permanente estado de crise e considero imposible que gañen en cidades como Vigo e Ourense, porque a xente poderá votar outra forma de facer política que defendemos os socialistas”, dixo.

Besteiro manifestou na Conferencia Autonómica do PSOE en Valencia que “a recuperación deste país é posible, pero ten que ser para todos, en igualdade de condicións”. O líder d@s socialistas galegos lembrou que coa forma de facer política do Partido Popular, “Galicia perdeu servizos esenciais, progreso” e identidade como pobo: “Somos menos galegos”.

Por último, defendeu o sistema de primarias: “Non podemos falar de transparencia e participación se non cambiamos as formas, o diálogo cos militantes a pé de rúa é fundamental e os militantes co seu voto teñen dereitos e deberes, hai que actuar con responsabilidade”.

Comentarios