José Ramón Besteiro acudiu esta terza feira (12 de xaneiro) aos Xulgados de Lugo en calidade de imputado por un suposto delito de suborno, prevaricación, tráfico de influencias e contra a ordenación do territorio no denominado 'caso Garañón'.
Porén, o secretario xeral do PSdeG-PSOE, que acudíu sen compañía de letrados, acolleuse ao seu dereito de non prestar declaración após os falidos intentos da defensa por que a citación ficase adiada e mesmo suspensa.
Así as cousas, á saída dos xulgados Besteiro dixo á imprensa que "non entendo" o feito de que a súa comparecencia se demorase após "180 días" de "pedir declarar", como tampouco comprende, asegurou, que non se adiase mesmo a outra data dentro da mesma semana. "É de sentido común", acrecentou.
O denominado 'caso Garañón' remóntase a hai unha década cando se iniciou o proceso para a construción dunha urbanización en Lugo, sendo responsábel da concellaría de Urbanismo o actual líder d@s socialistas galeg@s.
O denominado 'caso Garañón' remóntase a hai unha década cando se iniciou o proceso para a construción dunha urbanización en Lugo
A parte denunciante representada pola Asociación en Defensa das Costas do Parque Rosalía de Castro quere que Gómez Besteiro explique quen redactou o convenio relativo á urbanización aprobado pola xunta de goberno municipal o 31 de decembro de 2005. Neste senso, o avogado da acusación asegura que resultaría "sorprendente" que este documento fose redactado pola promotora inmobiliaria do Garañón mais sen a participación dos servizos técnicos do Concello de Lugo.
Razón pola que procuraban coa declaración do ex-concelleiro que esta cuestión se aclarase. Aliás, o proceso xudicial tamén investiga a a adquisición por parte de Besteiro dun piso que, con anterioridade, fora propiedade dunha das empresas que vendeu o predio no que foron construídas as torres do Garañón.
A xuíza, Pilar de Lara, investiga se existe relación entre as autorizacións definitivas para a edificación, nas que se mudou a edificabilidade --prevista xa en 1991 co PP á fronte do goberno municipal-- e a adquisición da vivenda, para alén de se terían existido beneficios a favor de Besteiro no prezo e na posterior reforma do inmóbel.