Asemblea de En Marea

Bescansa propón unha “mesa polo cambio político” a PSdeG e BNG

Podemos marca territorio na asemblea de En Marea e unha das súas máximas dirixentes estatais, Carolina Bescansa, anunciou que a formación morada lle proporá ao PSdeG e ao BNG abrir unha “mesa polo cambio político”.

[Imaxe: En Marea] De esquerda a dereita: Eva Solla, Beiras e Bescansa
photo_camera [Imaxe: En Marea] De esquerda a dereita: Eva Solla, Beiras e Bescansa

Na asemblea da Marea que está a ter lugar este domingo, Bescansa anunciou que instará o PSdeG e o BNG a constituír un “espazo de comunicación”. Na súa intervención, segundo recolle Europa Press, a dirixente do partido de Pablo Iglesias sinalou que nesa “mesa polo cambio político” se respectarán “os proxectos de cada un” e salientou que servirá “para escenificar cales van ser as estratexias de cadaquén para botar das institucións do PP”.

Xosé Manuel Beiras, portavoz de Anova, emprazou o PSdeG a “cambiar de actitude” e subscribiu o anuncio de Carolina Bescansa. Asegurou ao respeito que a proposta de crear unha mesa con PSdeG e BNG “foi acordado entre todos nós”. Referiuse ao PSdeG como “un partido dinástico, monárquico e un dos piares do malnacido réxime da segunda restauración borbónica”.

Comentarios